Revista Punto

2018-06-12T10:59:56+00:00 Opinión

Xente ao lonxe (de intrusións, construcións e vacinas)

Arquitectura
Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño5 Xuño, 2018
Xente ao lonxe (de intrusións, construcións e vacinas)
Arquitectura

Neste últimos tempos púxose de moda un neoloxismo, a turismofobia. ‘Turismofobia’ é ese fenómeno contestatario polo cal as xentes das vilas e cidades máis visitadas da nosa xeografía perciben o visitante non como tal, senón coma un intruso. Un axente alleo á súa natureza e como se fosen anticorpos os oriúndos da cidade-postal en cuestión rexeitan a infección que vén de fóra. Ás veces, esta resposta é sutil; outras, os actos violentos amosan a realidade máis crúa da mala xestión dos recursos patrimoniais.

Na arquitectura temos as nosas propias loitas entre virus e anticorpos. Dende fai décadas a clase política estira a vista nun ollar sempre afastado á hora de buscar os seus propios Howards Roarks, os heroes que veñen de fóra a construír os edificios máis representativos, as construcións máis pinteresteables e as actuacións urbanísticas máis faraónicas.

E é que a famosa frase “ninguén é profeta na súa terra” acada nesta profesión o seu máximo significado. E como nenos aos que lles retiran un xoguete, os arquitectos choramos. Preguntámonos o porqué do Peter Eisenman e a infame Cidade da cultura de Santiago de Compostela, do Jean Nouvel e o seu mega proxecto para reordenar a fronte marítima central da cidade de Vigo, ou o porqué do Thom Mayne na nova estación do AVE tamén na cidade olívica.

E neses intres de rabia xusto despois do anuncio dunha futura intromisión internacional, cando a turismofobia arquitectónica sae a relucir. Sempre temos mellores opcións, sempre o da casa é mellor, e sempre a vitoria é inxusta e con cheiro a pouco lícita. Pero o certo é que esas mega estrelas, empregan para estes concursos equipos de profesionais altamente cualificados para competir a niveis que os arquitectos medios non chegamos a acadar. E é de xustiza preguntarse por que de isto é así. Por que e como chegaron eses homes e mulleres (tristemente máis homes ca mulleres) a crear oficinas de arquitectura que son verdadeiras mega factorías arquitectónicas? Como chega un só arquitecto a ter case un milleiro de arquitectos en nómina como Sir Norman Foster?

A resposta, na meirande parte dos casos é sinxela:  talento, oportunidade, traballo, traballo e máis traballo. Pode ser que en moitas ocasións o nome preceda ao artista, e a súa obra non teña máis nivel que a media dos mortais, ou que incluso para un traballo menor (e non esquezamos que para unha mega estrela da arquitectura é interesante traballar, por exemplo, en Nova York e non tanto na Coruña) empregue ao seu equipo “B” e non chegue case nin a facer unha liña do proxecto. Pero para acadar ese tipo de prebendas, o arquitecto “turista” tivo que demostrar día a día, todos os días da súa carreira, uns niveis de profesionalidade só aptos para algúns elixidos.

Isto non é unha soflama en favor das mega estrelas e as súas actuacións anabolizantes nas nosas terras (máis culpa por norma xeral do político de turno ca do propio arquitecto), senón que ha de dar pé a unha reflexión serea. Será que os arquitectos non podemos ser tamén turistas?

Compartir artigo