Revista Punto

2018-09-20T11:15:13+00:00 Axenda, Cultura

WOS e a cultura vangardista regresan en setembro

Redacción
Redacción5 Setembro, 2018
WOS e a cultura vangardista regresan en setembro

O WOS Festival é un evento de cultura alternativa e de vangarda. A cita anual organizada pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY terá lugar entre o 12 e o 16 de setembro en Santiago de Compostela, con Son Estrella Galicia como patrocinador principal do festival. Ademais da programación musical, contará con eventos paralelos de cinema, exposición, charlas e encontros.

Os nomes incluídos no cartel da quinta edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia seguen definindo as liñas da súa proposta, enmarcada pola súa vontade de presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas en torno á música electrónica e a exploración, e avaladas polo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras. O Centro Galego de Arte Contemporánea, a Cidade da Cultura, o Teatro Principal, a Fundación Eugenio Granell, a Igrexa da Universidade, o Salón Teatro, o Mercado de Abastos, a sede da Fundación SGAE, NUMAX, o Riquela, a Sala Capitol e a Sala Malatesta serán os escenarios deste festival urbano e indoor multidisciplinar, cunha forte proxección internacional, que se celebrará por quinto ano na capital galega.

Polo de agora, hai un total de 24 artistas confirmados para a vindeira edición do WOS Festival. Entre algúns dos nomes anunciados cabe destacar aos alemáns Kreidler, herdeiros do son de Kraftwerk ou NEU! que estarán presentando o seu novo disco ‘European Song’, ou o tamén alemán Skee Mask, considerado pola prensa especializada como herdeiro da escola clásica de Warp Records ou Chain Reaction, e cuxo recén lanzado ‘Compro’ figura nas quinielas para os mellores discos de 2018. Tamén merece ser destacada a figura de Suso Saiz, pioneiro da arte sonora, a música minimalista, os sintetizadores e o experimental en España, que estará presentando o seu último traballo Rainworks, editado o ano pasado no selo belga Music From Memory. A artista norteamericana Christina Vantzou presentará o traballo ‘No. 4’, e o mesmo fará JASSS, que vén de publicar ‘Weightless’ (Ideal, 2017). Tamén estará presente a electrónica oscura do galego Death Whistle e do francés Territoire, que presentará en Galicia o seu álbum conceptual Alix (Humo, 2018), así como os pratos doutro galego, Abu Sou.

A norteamericana Laurel Halo, un dos grandes nomes da electrónica da última década, estará no WOS. Comparada en ocasiones con Laurie Anderson, leva acumulando eloxios e recoñecemento desde a publicación do seu primeiro álbum, Quarantine, seleccionado por Wire como disco do ano en 2012, e a través de festivais e clubs de referencia en todo o mundo. A artista acaba de publicar o seu último traballo, o EP Raw Silk Uncut Wood (Latency, 2018). Outro artista que se dará cita en Compostela é o británico Spectrum, toda unha figura de culto na música a través de diversas formacións desde finais dos anos 80, que actualmente está traballando coa súa banda nun novo disco que se espera para finais de ano. No seu diario de a bordo figuran colaboracións con nomes como My Bloody Valentine, Silver Apples ou Kevin Martin de Techno Animal.

WOS Festival x SON Estrella Galicia acolle o primeiro concerto en España de Abul Mogard, do que a extática beleza do seu traballo tense celebrada en Berlin Atonal ou por The Quietus como un dos grandes compositores de drone ambient dos últimos tempos. O seu directo estará acompañado polas visuais da artista brasileira Marja de Sanctis. Ron Morelli, produtor e DJ norteamericano capo do selo L.I.E.S. Records, chegará ao WOS Festival co seu disco recén publicado Hospital Productions. Na súa faceta como DJ, Morelli móvese por terreos techno, house ou incluso disco, sempre por diante das expectativas que xera a fama que o precede. O rapeiro Oddisee leva acumulados nos seus case quince anos de carreira 37 referencias baixo o seu nome. Fiel ao estilo costa Este de A Tribe Called Quest ou De La Soul, o seu son vén envolto en cadencias jazzísticas e bailables, e as súas letras abordan con sabiduría e honestidade temas como o racismo ou a islamofobia. O seu último álbum, The Iceberg (Mello Music Group, 2017), é unha chamada aos oíntes a afondar en temas como raza, política, riqueza e relixión.

Ahwar, o disco debut publicado a finais de 2017 da exipcia Nadah El Shazly, valeulle á súa autora ser considerada como unha das artistas revelación pola prensa especializada. Jazz, experimentación electrónica e o maqam arábico (o sistema de modos melódicos usado na música árabe tradicional), conforman a paleta sonora desta artista, parte dunha nova xeración de músicos que está renovando o ideario musical árabe a partir da experimentación coas melodías e escalas tradicionais.

Pola súa banda, o trío de free jazz exploratorio Sumrrá, con 18 anos de traxectoria, seis discos editados e centos de concertos por todo o mundo ás súas costas, presentan en primicia cun concerto único o seu novo álbum, editado de novo polo selo Clermont Music. “Sumrrá 6 Mulleres” rende tributo a seis mulleres poderosas: Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Qiu Jin, Malala Yousafsai e Nawal Él- Saadawi. Ofrecerán un espectáculo único de videocreación en vivo con visuais de Laura Iturralde acompañando aos temas que compoñen o álbum. Os británicos The Evil Usses, un cuarteto psicodélico-experimental de Bristol eloxiado polos seus directos abrumadoramente salvaxes e enérxicos, amosarán o seu persoal son que se ubica nalgún lugar entre Captain Beefheart, Tortoise e Cardiacs. Pechan a lista, os últimos artistas confirmados: Paul Jebanasam, The Bug feat. Miss Red, Gábor Lázar, Group A, 100 Keyboards, Lucy Railton, CV & JAB e RRUCCULLA.

Os abonos Weekend e Premium para a nova edición do WOS Festival x Son Estrella Galicia poden ser adquiridos online en Wosfestival.es e nos puntos de venta físicos seleccionados, que neste caso son A Reixa Tenda (Santiago de Compostela), Discos Elepé (Vigo) e Discos Portobello (A Coruña).

Compartir artigo