Revista Punto

2018-05-10T14:11:44+00:00 Decantar, Lifestyle

Viña Costeira e o equilibrio perfecto

Este grupo ourensá conta con 100 hectáreas de viñedos propios, na D.O. Ribeiro e na D.O. Valdeorras
Redacción
Redacción9 Maio, 2018
Viña Costeira e o equilibrio perfecto
Este grupo ourensá conta con 100 hectáreas de viñedos propios, na D.O. Ribeiro e na D.O. Valdeorras

Viña Costeira celebra este ano o seu 50º aniversario. A adega naceu co obxectivo de recuperar algunhas das variedades de uva históricas en Galicia, como son a uva albariño, lado, loureira ou godello, e devolverlles o protagonismo que merecían. Desde os seus inicios, caracterizouse pola acertada combinación de innovación e tradición nos procesos de elaboración dos seus viños. Recentemente foi elixida como a “Mellor adega de España” pola comunidade seguidora da publicación dixital sobre viños Verema. O viño Viña Costeira tamén vén de recibir o Bacchus de Prata por parte do prestixioso certame que organiza a Unión Española de Catadores. A excelente calidade dos seus viños, así como o intenso traballo dos máis de 600 socios que compoñen a cooperativa, vese reflectido nos éxitos que seguen acumulando.

Este grupo ourensá conta con 100 hectáreas de viñedos propios, na D.O. Ribeiro e na D.O. Valdeorras. A colleita da uva nas distintas subzonas faise por separado atendendo ao seu potencial enolóxico e de maduración. A selección da uva é tamén moi rigorosa, e faise de maneira independente xa que cada tipo de viño é diferente. Viña Costeira elabora viños cun perfil varietal que reflicte á perfección as singularidades da comarca. No caso do Ribeiro, o mosto obtense en presas pneumáticas separando as distintas variedades e as mesturas déixanse para o inverno, cando, cos viños xa fermentados, se procede á ensamblaxe dos distintos lotes e ao posterior embotellado. 

Viños brancos como Colección 68 ou o Viña Costeira, o máis vendido de Galicia; tintos como o Viña Costeira Mencía e outros como o Tostado de Costeira merecen unha proba. O aroma do viño Ribeiro ten unha intensidade media-alta, e caracterízase, sobre todo, pola súa frescura e o seu corpo. En Viña Costeira tamén se atreven cos licores e producen cremas, licor café ou licor de herbas.

O enclave privilexiado na ‘Ruta do Viño O Ribeiro’, na zona de Ribadavia, nas cuncas do río Miño, fai que as adegas reciban arredor de dez mil visitas ao ano, unha cifra que segue medrando cada vez máis. Ofrecen distintos tipos de visitas guiadas e personalizadas, e tamén degustacións. Unha oportunidade perfecta para descubrir novos sabores e sensacións.

Compartir artigo