Revista Punto

2018-06-07T08:22:37+00:00 Opinión

Viaxar no tempo

Inês Gusman
Inês Gusman6 Xuño, 2018
Viaxar no tempo

As noticias sobre os efectos do turismo masificado en cidades como Venecia, Barcelona, e máis recentemente, Lisboa e Oporto, parecen ser crónicas dunha morte anunciada. Pregúntome como se manterán turisticamente atractivas estas cidades se continúan a baleirarse de veciños e a substituír negocios locais por grandes cadeas de restauración e aloxamento. Quen manterá a identidade destes lugares e onde resistirá a súa autenticidade? Sobre estas cuestións, espero que os responsables políticos destas e doutras cidades europeas con problemas semellantes estean a preparar respostas.

En canto a nós, as persoas que adoramos viaxar, cabe que entendamos que o turismo non ten que ser sinónimo de consumo rápido e descartable de espazos.

Viaxamos maioritariamente para vivir novas experiencias, coñecer culturas distintas á nosa e para descansar. Se queremos experiencias inéditas non podemos ir só aos “Top  things to see” de Tripadvisor. Para coñecer as culturas locais temos que vivilas como tales. Xa para relaxarnos, precisamos de abrandar o ritmo do noso día a día. Para conseguir satisfacer estas necesidades hai unha cousa da cal non podemos prescindir: o tempo. Sen el dificilmente conseguiremos entender de verdade o territorio que estamos visitando, e Galicia é un excelente exemplo para comprender a importancia desta relación. O mellor que este territorio ten para dar é difícil de entender sen tempo.

Comezando pola gastronomía, ninguén conseguirá apreciar ben o cocido galego ou o marisco das rías sen gastar unhas horas sentada á mesa. Tamén a historia, xa que gran parte do valor patrimonial galego está nas súa herdanza popular, relixiosa ou civil, o que fai que teñamos que desprazarnos por varios lugares para entendela. Na natureza, desde as montañas ás rías, percorrer camiños a pé é a mellor forma de apreciar as belezas naturais galegas. En canto á cultura, dificilmente se entenderá a tradición e a cultura desta terra en grandes concertos ou eventos, pois está viva no cotián da súa xente, nas foliadas e nas festas populares ás cales non debemos asistir, e si participar. Outra boa forma de entender a Galicia é indo aos seus moitos mercados locais, falar coas vendedoras e vendedores e consumir os seus produtos. O sabor destas froitas e legumes que percorren unha curta viaxe entre a terra onde naceron até o noso prato, é inigualable. Os territorios que, como Galicia, manteñen a identidade das súas paisaxes naturais e culturais, tradicións e formas de produción a baixa escala son hoxe un paraíso para quen busca vivir experiencias en vez de facer maratóns turísticos.

É verdade que aínda non conseguimos viaxar no tempo, mais podemos mandar no tempo das nosas viaxes. Podemos deixar de coleccionar visitas a monumentos e pasar a coleccionar historias dos territorios; deixar a alimentación das cadeas de fast food e aproveitar os produtos locais; desistir de comprar recordos producidos no outro lado do mundo e investir no que se produce localmente. Para iso precisamos substituír tempo e diñeiro dalgunhas das viaxes curtas por unha viaxe máis longa que nos permita crear raíces. Seguindo estes principios podemos tamén contribuír á diminución dos problemas que a actividade turística está creando a nivel da polución do planeta. Só nos continuaremos a desprazar para ver o que aínda non foi visto. A sostibilidade da autenticidade local é tamén unha tarefa nosa mentres percorremos o mundo.

Foto: © Inês Gusman.

Compartir artigo