Revista Punto

2018-05-29T17:01:35+00:00 Opinión

Vai pasar

Apnea
Lidia Bao
Lidia Bao
8 Maio, 2018
Vai pasar

eu non tería escrito a paisaxe nun autobús sen rodas nunca a velocidade nunca escribir nun autobús pedindo permiso sabes? nunca amarrar a miña lingua a un ferro pendurar cada letra a unha enfermidade contaxiosa

e o medo quen tería escrito nun autobús con medo? se de repente treme o volante e xa non sabes nin cara onde hai que pisar o freo e pos unha coma e non un interrogante e o espazo vólvese demasiado atrevido e demasiado sempre é demasiado

pel historia escura e un xeo tremendo no cristal e na testa coma o vapor no que se me intúe na fiestra de atrás as medidas necesarias para perder o xuízo e desexar a miña man nese cambio de marcha

non tería escrito nunca o accidente deixando un oco doutro século entre o que defendo e o que son para que un sente a imaxinar o mar ou para que todos senten coas súas chapelas grises de peixe gris e eu non teña aire non teña auga por iso eu de pé nun bus sen rodas imaxinando a praia a vergoña de escribir co meu bikini na area buscando talvez unha posición que non arrisque a miña integridade fronte as ondas

Sobre a autora. Xornalista no mundo da publicidade, que goza da poesía. Tamén da que non se escribe!

debo escribir bolboreta máis de dez veces para que axite as ás debo dicir que escribo bolboreta porque a miña imaxinación camiña perigosamente entre as larvas da cursiva e non sexa que a imaxinación se incline cara as vogais abertas que de abertas teñen pouco e eu pronuncie o meu anonimato seguido dunha obra

podes levantar a man para deter o bus non para entrar porque para entrar hai que estar dentro hai que ser parte do accidente e da paisaxe ser parte tamén da enfermidade

eu poño a ferida dentro do meu texto e penso que iso é tamén literatura e abro as emerxencias e movo as mans mira como movo as mans dentro do autobús movo a lingua falo sangro neste texto que se amarra ao metal e non se move

lembras practicándolle ao poema unha estúpida vivisección? cantas partes vivas hai nun poema? en que parte da novela está a lingua? aí a lingua nas túas mans eu faría o amor cunha poeta diglósica só por facelo dúas veces

odias a literatura porque alguén dixo enténdea porque tiveches que tragala agora repítese e claro que hai literatura repetida e literatura que non senta ben e literatura que pide asento e literfartura literaria claro que a hai

quen quere escribir nunha paisaxe accidentada? se todos os maios veñen atropeladamente e xa non non lemos nunca para que sentar aí?

ispe a literatura até que non teña vergoña de si mesma nin de ti

eu non tería escrito nun autobús sen rodas enfermo con medo con vergoña con pasado gris

os dezasete de maio se son literatura aí están tamén coma tantas mulleres que nos escriben sentadas sobre as súas letras en maio cunhas rodas xigantes nos pés

e punto.

vai-pasar

© Foto: Marta F. Escobar.

Compartir artigo