Revista Punto

2018-10-19T12:04:44+00:00 En Destaque

Un país de viños

Galicia é unha rexión cunha inmensa historia e patrimonio vitivinícola. É posible coñecer o noso territorio a través dos seus viños e das súas bodegas, e isto é o que vos propoñemos nesta reportaxe.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro2 Outubro, 2018
Un país de viños
Galicia é unha rexión cunha inmensa historia e patrimonio vitivinícola. É posible coñecer o noso territorio a través dos seus viños e das súas bodegas, e isto é o que vos propoñemos nesta reportaxe.

España pode presumir de ser o país con maior extensión de cultivo de viñedos de todo o mundo e Galicia é unha das rexións máis importantes do país. A súa propia xeografía e orografía, o clima, e os tipos de solo son factores que a converten nunha zona privilexiada para o cultivo da vide.

O traballo de produción e promoción de multitude de profesionais como viticultores, colleiteiros, bodegueiros, enólogos, sumilleres e hostaleiros, a recuperación cultivos autóctonos, sumado á mellora nos procesos de elaboración foi crucial no rexurdir da industria vitícola galega e no seu constante crecemento e expansión.

En Galicia existen máis de sesenta variedades de castas de uva, a maior parte delas autóctonas. A uva albariña, loureira, ferrón, caíño branco, loureira, silveiriña, mencía, treixadura ou godello son apenas algunhas destas variedades. A maioría dos produtores, sobre todo aquelas con pequenos volumes de produción, elaboran os seus viños de maneira tradicional e artesá. Son maioría as bodegas que practican unha viticultura respectuosa coa tradición, sen esquecer a importancia de conxugala coa modernización, tendo en conta os últimos avances en tecnoloxía. Cal é o resultado? Viños dunha excelente calidade.

Selo de calidade

Os viños galegos caracterízanse pola súa intensidade e potencial varietal, e polos aromas e sabores que transmiten. Pero sobre todo destacan pola súa versatilidade, que fan que sexan idóneos para degustar sós ou acompañados.

Galicia conta con cinco Denominacións de Orixe: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. A creación da denominación de orixe Ribeiro data de 1932 e sitúaa como a máis antiga e con máis tradición de Galicia. A produción de Valdeorras sitúase no noroeste da provincia de Ourense e ten como subzonas o Val de Monterrei e Ladeira de Monterrei. Agrupa a preto de corenta bodegas que dispoñen de máis de 1.300 hectáreas de territorio cultivable.

A denominación Ribeira Sacra destaca pola produción de viño tinto, elaborado maiormente con uva mencía. Conta cunha extensión de 2.500 hectáreas de cultivo repartidas nas subzonas de Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil e Ribeiras do Miño, no norte da provincia de Ourense e no sur de Lugo. Na Ribeira Sacra practícase a denominada “viticultura heroica”, que recibe o nome pola dificultade do clima e do terreo dos viñedos.

Pola súa banda, a denominación Rías Baixas é a maior D.O. de Galicia, tanto por número de bodegas como por extensión de viñedos, e tamén é unha das máis coñecidas da comunidade. É popular polos seus “viños atlánticos”, brancos e de variedade albariño case na totalidade da produción. Domina o sur de Galicia, estendéndose ao longo de cinco subzonas: Ribeira do Ulla, Val do Salnés, Soutomaior, O Rosal e Condado do Tea. Na actualidade supera as 180 bodegas adscritas e dispón de máis de 4.000 hectáreas de viñas.

Os Consellos Reguladores da Denominación de Orixe son os organismos que rexen cada unha destas D.O. e encárganse de garantir que os viños superen rigorosos controis de calidade e poidan recibir o selo de calidade de cada denominación de orixe antes de dar o salto ao mercado. Entre os principais cometidos está garantir a orixe do produto, asegurar a calidade do mesmo e promocionar os produtos producidos baixo cada D.O. Durante a campaña de vendimas, os Consellos contan co apoio de auditores para realizar o seguimento da mesma tanto nas bodegas e viñedos como no seu transporte. Pero estes selos de calidade non se limitan aos viños, senón que abranguen diversos produtos destilados como augardentes, licores de herbas ou licor café.

Enoturistas

As Rutas dos Viños de Galicia van gañando cada vez máis forza. A das Rías Baixas foi unha das primeiras de rutas de España e xa se sitúa como a segunda ruta con máis demandada do país. Neste tipo de experiencias enoturísticas atopamos desde xornadas de portas abertas, visitas guiadas ás instalacións das bodegas, visitas a viñedos e catas de viños. Moitas bodegas ofrecen incluso a posibilidade de realizar vendimas en grupo, para vivir o proceso de elaboración do viño desde o primeiro momento.

Pero non se trata unicamente de promocionar os viños, senón os destinos turísticos no seu conxunto. Por iso, é común que as rutas de enoturismo inclúan actividades como visitas a museos, mosteiros, catedrais e outros monumentos; andainas e actividades deportivas na zona, trens e buses turísticos, ou paseos en barco. E, por suposto, non poden faltar as festas e eventos gastronómicos e degustacións de viños acompañados con menús especiais de produtos da terra como queixos, carnes, pan, peixe, marisco e licores.

As Rutas dos Viños ofrecen un amplo abano de opcións para que afeccionados e apaixonados polo universo do viño poidan descubrir os matices de Galicia a través da paisaxe, a etnografía e o patrimonio.

Compartir artigo