Revista Punto

2018-08-20T18:38:30+00:00 Deporte, En Destaque, Rexión

Ultra Trail Costa da Morte

Aventura para vivila e sentila
Redacción
Redacción7 Agosto, 2018
Ultra Trail Costa da Morte
Aventura para vivila e sentila

Os numerosos naufraxios de embarcacións acontecidos ao longo dos séculos nas augas da Costa da Morte dan razóns para ese nome. As hemerotecas informan de que xa no ano 1596, 25 barcos da Armada Española afundíronse tras unha terrible tempestade provocando 1706 vítimas. A historia seguiunos dando desagradables noticias como as catástrofes protagonizadas polos navíos ingleses Wolfstrong (1870), Irish Hull (1883) e HMS Serpent (1890) entre outros moitos. Nas últimas décadas outros barcos tiveron igual infortunio. Sirva como exemplos o Banora (1965), Casón (1987) e o máis recente, o Prestige (2002). A estas catástrofes sufridas por barcos doutras latitudes hai que sumar as sufridas pola frota local. A pesca daba para comer a moitas familias e, na súa busca diaria do sustento, moitas perderon a algún dos seus membros mentres se penetraban nas duras augas atlánticas.

Pero a Costa da Morte non só é morte e destrución, como o seu nome pode parecer indicar. A Costa da Morte é vida, paisaxes de ilusión, vilas mariñeiras, longas praias e pequenas calas, faros, xentes afables e traballadoras. É pesca e agricultura. É tradición e modernidade. É gastronomía e festa. Dende hai uns anos naceron proxectos locais que tentan difundir a zona no exterior. Froito dese esforzo cada ano chegan moitos visitantes dende diferentes partes do mundo.

O xeodestino Costa da Morte reúne 17 concellos dos que a Ultra Trail Costa da Morte percorre 14. Dende el téntase atraer turismo a través de diferentes perspectivas, sendo a natureza e o deporte eixos importantes. Dende a Organización deste evento queremos poñer o noso gran de area na promoción turística deste marabilloso territorio. Como coñecedores da contorna na que se desenvolverá a proba deportiva debemos indicar que cada día será diferente para os participantes. A paisaxe, as cores e o terreo serán distintos en cada xornada. Asegurámosvos que as sensacións serán moi variadas pero á vez tremendamente gratificantes. Esta viaxe achegaravos sensacións tan pracenteiras que ao finalizalo cambiaredes o nome de Costa da Morte por Costa da Vida.

14 concellos, 7 etapas, 265 kms, 9000 m D+

A Ultra Trail Costa da Morte é unha proba de trail running de longa distancia dividida en 7 etapas. Ultras hai moitas e queremos facer algo totalmente diferente. Desde hai un tempo existen as probas por etapas. Hai anos naceron as míticas Marathon des Sables, Transalpine Run e outras. Os seus custos e loxística desaniman, en moito casos, á participación.

Entendemos que a Costa da Morte é un lugar privilexiado para celebrar un evento destas características e é por iso que nos embarcamos neste proxecto. Queremos que desfrutedes deste deporte que tanto nos apaixona sen descoidar en ningún momento os servizos que debe de ter un evento de este calibre. Para iso presentamos dous paquetes segundo as vosas necesidades. O que si será importante é participar das ceas de cada etapa. Nelas celebrarase o briefing de cada etapa, mostraranse imaxes de cada día e, o máis importante, coñecerémonos entre todos e compartiremos momentos inesquecíbeis. De vital importancia será o que a organización reciba feedback diario de vós, os protagonistas. Toda mellora que achegue valor ao evento será tida en conta para a súa análise inmediata ou posterior.

Serán 7 etapas con dificultade, sensacións e paisaxes diferentes. Será toda unha experiencia que poderás gozar de maneira individual ou en equipos de 2 persoas. Será tamén unha aventura onde a túa familia vos poida acompañar. Onde poderedes devolver o esforzo que os seres queridos fan mentres preparades unha proba ou saídes a competir. O percorrido unirá rutas existentes que vertebran a Costa da Morte. Pistas forestais, carreiros, montes, praias, aldeas e pobos mariñeiros conforman un percorrido atractivo para todo deportista amante da natureza. Para minimizar os posíbeis riscos inherentes a calquera deporte outdoor, desde a Organización velaremos pola seguridade. Será unha máxima que require de compromiso por ambas partes pero que irá en beneficio dos participantes. A proba poderá ser seguida por Internet e familiares e amigos poderán saber en cada momento a vosa localización e clasificación a medida que avanzades.

As tardes serán para gozar coas vosas familias; facer un pouco de turismo, descansar, confraternizar… Este evento é de toda a Costa da Morte e contaremos con empresas da zona para atender os servizos necesarios. Queremos que este evento sexa unha fonte dinamizadora na zona. En definitiva, se queredes gozar do voso deporte durante unha semana mentres descubrides un fermoso territorio descoñecido en compañía dos vosos seres queridos, mentres coñecedes a outros participantes, este é o reto que vos propoñemos.

As etapas percorrerán os concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Camariñas. Vimianzo, Muxía, Cee, Fisterra, Dumbría, Mazaricos e Carnota seguindo o seguinte calendario:

15/09 ETAPA 1 | CAIÓN – MALPICA | 28 QMS | 970 MTS D+
16/09 ETAPA 2 | MALPICA – PONTECESO | 46,3 QMS | 1.714 MTS D+
17/09 ETAPA 3 | PONTECESO – LAXE | 25,5 QMS | 804 MTS D+
18/09 ETAPA 4 | LAXE – CAMARIÑAS | 42,2 QMS | 1.158 MTS D+
19/09 ETAPA 5 | CAMARIÑAS – MUXÍA | 32,4 QMS | 868 MTS D+
20/09 ETAPA 6 | MUXÍA – FISTERRA | 50,2 QMS | 2.050 MTS D+
21/09 ETAPA 7 | FISTERRA – O PINDO | 40,8 QMS | 1.644 MTS D+

As inscricións estarán abertas ata o vindeiro 10 de agosto en Utcm.run. Tamén podedes seguirnos nas nosas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram.

POR: Miguel Bernárdez Martínez, Presidente A.D. Costa da Morte Outdoor Sports.

O UTCM en versión cómic!
Compartir artigo