Revista Punto

2018-09-11T17:30:27+00:00 Descubrir, Lifestyle

Tui, a longa vida da cidade de pedra

Redacción
Redacción4 Setembro, 2018
Tui, a longa vida da cidade de pedra

O tempo detido. Para os que queiran quedarse, que dicía Herta Müller. Nas rúas de Tui, capital dunha daquelas provincias que facían de Galiza un quebracabezas de sete pezas, entre pedra e pedra, o reloxo desaparece. Unha pequena escapada de verán que ben paga a pena pola súa historia, beleza e tranquilidade. Habitada desde o Paleolítico, esta cidade pasou polas mans dos grovios, foi habitada polos homes dos castros, logo polos romanos e mais tarde polos suevos. Fundada e refundada por moitos, segundo quen conte a lenda, foi tamén berce de moitos reis. Desde Witiza ata dona Urraca, suevos, visigodos, xudeus e incluso árabes, camiñaron por riba das pedras do seu casco histórico.

Foron moitos os que ao longo dos séculos cruzaron tamén o seu río, que non sempre foi fronteira. Foi no século XII, momento no que Portugal se converte en reino independente e tamén en inimigo, cando a cidade adquire ese carácter fronteirizo do que endexamais se desprendería. E constrúese a catedral fortaleza, que nin é igrexa nin é palacio, pero que aínda segue a vixiar a cidade desde o alto do outeiro. Maxestosa. Enorme, nove séculos despois.

A Catedral de Tui conta co primeiro pórtico gótico da Península. O seu claustro é o máis antigo de Galicia e, sen dúbida, un dos máis belos. A harmonía do seu trazo, de influencia cisterciense, o seu coidado xardín e as súas atalaias, miradoiros únicos desde onde observar a cidade, a veciña Valença e a beleza do río Miño, converten a visita ao seu interior nunha parada obrigatoria. O interior da Catedral pódese visitar todos os días de 10 da mañá a 7 da tarde -horario de setembro a maio-, así como tamén se pode acceder ás súas cubertas.

O Camiño portugués

Os peregrinos cruzan a icónica Ponte Internacional para chegar a Tui, primeira parada en territorio galego do Camiño portugués cara Santiago de Compostela. Situada a 114 quilómetros de Compostela, a cidade tudense é o punto de partida para moitos fieis que deciden comezar aquí a súa particular ruta, que neste punto atravesa as rúas empedradas da cidade continuando a carón do río Louro, para atravesar unha ponte romana e continuar, entre auga e vexetación abundante, ata a Ponte das Febres.

Monte Aloia

O Monte Aloia, cos seus 700 metros de altura, agocha restos prehistóricos e romanos. Cun pasado rodeado de lendas, é identificado por moitos como o mítico Monte Medulio, aquel outeiro no que as tribos celtas decidiran rematar coa súa vida antes de caer en mans dos romanos.

Alén da súa historia, este parque natural, o primeiro de Galicia, atesoura unha paisaxe única. Encravado na Serra do Galiñeiro, esta atalaia natural ofrece unhas impresionantes vistas sobre o estuario do Miño e, nos días máis claros, sobre a ría de Vigo. A repoboación do parque, realizada hai case máis dun século con abetos, cedros e cipreses, converten en únicos os paseos por calquera dos seus máis de 10 km de rutas e camiños.

Cultura á beira do Miño

Ao longo do tempo, Tui sempre albergou unha intensa vida cultural. A cidade que fora escenario dos primeiros Xogos Florais de Galicia, acolle hoxe diferentes iniciativas culturais durante todo ano. Alén do seu Teatro Municipal, pertencente á Rede Galega de Teatros e Auditorios, que conta cunha extensa e variada programación, destacamos algunhas dos eventos máis consolidados.

Play-Doc
Desde o 2005 a cidade tudense convertese cada primavera nun referente internacional do mundo audiovisual grazas ao Play Doc. Cunha coidada selección de documentais e obras de non ficción, este festival consegue atraer cada ano a un público único e heteroxéneo, favorecendo a interacción e a mistura dos veciños da vila cos programadores, artistas, cineastas e críticos procedentes de todos os recunchos do planeta que se achegan á cita.

Música no Claustro
Outro festival único, non só pola súa proposta artística senón polo lugar no que se celebra é Música no Claustro. Cunha proposta que mestura a música, o patrimonio e a creación, esta iniciativa cultural que naceu no ano 2005 consolidouse xa como un referente da música clásica galega, transformando cada verán o claustro gótico da Catedral de Tui nun lugar de encontro de novos intérpretes locais e de recoñecidos artistas da escena internacional.

Ikfem
Arredor da música, pero tamén do carácter fronteirizo da cidade, xira o IKFEM, o International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui – Valença, un evento que, partindo da música de instrumentos de teclado, ofrece un amplo abanico de propostas culturais cun marcado carácter transfronteirizo.

Festival Arraianos
Á ultima incorporación á axenda cultural tudense é o Festival Arraianos, que pon o broche final ás propostas estivais da vila. Un festival de marcado carácter histórico, que convida a todos aqueles interesados a revivir o pasado da vila vestíndose de época e participando nas numerosas e divertidas actividades que se organizan: vodas de época, conferencias históricas, descenso en kayak polo río, mercadillos artesanais, ceas medievais, concurso de petiscos, visitas teatralizadas ao patrimonio da vila e moito máis. Unha proposta heteroxénea na que tamén ten cabida o Survival Zombie Medieval, unha experiencia inmersiva que congrega cada ano máis de medio millar de participantes e que converte a cidade de Tui nun grande taboleiro de xogo.

Tui engaiola ao visitante pola beleza das súas paisaxes e da súa historia. Cremos que abondan os motivos para ver en Tui un destino inevitable dos que queiran coñecer un pouco máis a historia deste país.

Fotos: Miguel Estima; Ikfem.
Compartir artigo