Revista Punto

2018-07-30T10:06:59+00:00 Opinión

Tribos maternais en Galicia

MATERNIDADE
María Porto
María Porto
8 Maio, 2018
Tribos maternais en Galicia

Ser nai require unha adicación e responsabilidade coma ningún outro traballo. E non existe ningún centro de formación nin titulación que respalde que estarás preparada cando chegue o momento de exercer. A realidade é que, cando chega un bebé a unha familia, nace unha nai. E todas, absolutamente todas, aprendemos a ser nais da mesma forma: sendo nais.

Ata hai poucas xeracións, as mulleres convivían con outras nais do seu entorno inmediato: irmáns, tías, primas, veciñas…conformando unha tribo maternal coa que poder contar. Criar non era algo individual, de portas para dentro como ocorre hoxe en día, se non que era unha circunstancia compartida socialmente, e da que tiñamos moitas referencias. Pero hoxe en día, toda esta cultura de crianza perdeuse, tanto polo envellecemento demográfico e a dispersión das familias, como pola forma de relacionarnos cada vez máis virtual e menos presencial.

E atopámonos de súpeto na casa cun pequeno ser humano ao que temos que coidar sen referencias de como facelo. Certo é que gracias a Internet, temos toda a información que queiramos ao noso alcance, pero non é doado filtrar información relevante e contrastada, e moito menos, chegar a todas as temáticas que precisamos, porque moitas veces non sabemos que é o que temos que buscar. Se sumamos a todo isto o frenético ritmo de vida laboral e a fatiga e alteracións físicas propias do posparto e do coidado dun bebé que esperta cada dúas horas día e noite, resulta moi difícil vivir este feliz acontecemento como se merece.

Como agora as tías, primas e veciñas en etapa de criar escasean, ou viven moi lonxe, as nais temos que buscar outras formas de atopar tribos maternais, esas compañeiras de viaxe coas que compartir dúbidas, recursos e desafogos. Está comprobado que as nais que acoden a un grupo de apoio reducen á metade as visitas ao pediatra, e que vivir esta etapa acompañadas por outras mulleres que se atopan na mesma situación ca ti, resulta moi tranquilizador e enriquecedor. Por sorte, en Galicia cada vez hai máis grupos de apoio e asociacións: en A Coruña, Teta e Coliño, Criando e Alma lactancia; en Santiago Alecria, Teta e Coliño e Mámoa; en Narón BBTTA;  en Lugo Bico de Leite; Arrolos de Teta en Ourense; en Pontevedra, Teta Meiga, Mámoa e Chuchamel; Teta e Coliño e Rede Cría en Vigo; Pinga Doce en Tui; O Parto é Noso en A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense, e Embarazadas Galicia, grupo pechado en Facebook.

As reunións acostumam ser periódicas, gratuítas e abertas para todas as familias que queiran participar ou que precisen axuda. Ánimo a tódalas nais a que atopen unha tribo coa que compartir a aventura da maternidade. Porque unha nai con recursos e apoio, sempre será unha nai máis feliz.

Reunión da Asociación ALECRIA.
Compartir artigo