Revista Punto

2018-05-09T08:41:07+00:00 Opinión

Tres ideas mellores ca esta

HUMOR
Román Aday
Román Aday
9 Maio, 2018
Tres ideas mellores ca esta

O mellor para empezar calquera cousa é facelo sen ganas. Rascar unha idea un tanto decente do fondo do caixón e darlle forma o máis rapidamente posible. E a vivir. En cambio, se lle pos ilusión estás perdido. Querer facer as cousas ben é poñerte pedras no teu propio camiño.

A preguiza e a desidia non só son efectivas, vou máis lonxe: o entusiasmo é algo sospeitoso. Parece que se lle mete a un o demo no corpo. E ao final, con isto das ganas, as posibilidades amontóanse na gorxa e un acaba por facer calquera cousa. E iso que ideas sobre as que escribir non me faltaban, e eran mellores ca esta.

O primeiro que pensei foi en facer algo de actualidade. Falar das redes sociais, de Trump ou de calquera destas cousas que están everywhere. O seguinte que valorei foi escribir algo de rabiosa actualidade (ollo co adxectivo). Isto obrigábame a poñerme ao día nun tema absolutamente central da vida pública. Un par de horas de investigar, e listo. Escríbese só.

Outra boa idea, moi recorrente nestes casos, é tirar un pouco dunha moralexa. Esta é das boas. Colles algo do teu día a día e dáslle máis sentido do que en realidade ten. Falas un pouco de como a Providencia se puxo en contacto contigo cando fuches a comprar peixe e listo. Enches as páxinas que fagan falla. Iso si, nada demasiado denso e profundo. Isto é rápido, para ler co café. Non hai que resolver ecuacións nin propoñer problemas, que ninguén quere poñerse a pensar no sentido último da existencia. E, iso si, que deixe un bo sabor de boca, cousa importante.

O primeiro que pensei foi en facer algo de actualidade. Falar das redes sociais, de Trump ou de calquera destas cousas que están everywhere. O seguinte que valorei foi escribir algo de rabiosa actualidade (ollo co adxectivo). Isto obrigábame a poñerme ao día nun tema absolutamente central da vida pública. Un par de horas de investigar, e listo. Escríbese só.

O último dos grandes recursos é falar da propia mascota. É parecido ao anterior, só que neste caso a descrición narraríase en clave de sincero homenaxe ao animal en cuestión. Este tipo de textos conclúense- evidentemente- aceptando de forma tácita a idea de que o animal en cuestión posúe unhas calidades e aptitudes moi superiores á media humana (pero non superiores ás dun mesmo, faltaría máis).

Pero non teño tempo para informarme, nin me falou o Espírito Absoluto a través dunha lubina, nin teño mascota. E, finalmente quedábame só una opción. Encher a folla canto antes. Tirar cara adiante e saltar antes de que todo estoupara. Pódese utilizar- nestes casos- o que un atope polo camiño, sempre e cando respecte o suxeito e o predicado (ante todo, nestes casos, o primeiro é manter suxeito e predicado inmaculados). Cal é o truco? Que a idea se resolva ao final, ou mellor: que non haxa idea ningunha e que o lector o descubra ao rematar. Así, xa será demasiado tarde. Xa terán lido todo e eu estarei lonxe, e ao levantar a mirada verán o cuarto baleiro. Teño uns metros de vantaxe antes de ter que dar explicacións a todo “quisqui”. Agora, a cousa está en aproveitar esa vantaxe. E que ao fuxir non che noten o entusiasmo.   

Compartir artigo