Revista Punto

2018-08-10T13:42:58+00:00 Gastronomía, Radar, Rexión

Tour gastronómico

Saboreando Galicia
Foto: Festa do Polbo do Carballiño.
Redacción
Redacción7 Agosto, 2018
Tour gastronómico
Saboreando Galicia

Posiblemente, os días de agosto sexan as datas nas que máis citas gastronómicas se celebran en multitude de puntos de Galicia. Os asistentes a este tipo de festas poden deleitarse coa degustación de todo tipo de produtos típicos da cociña atlántica.

Nas festas gastronómicas de verán, os produtos do mar gañan en número de celebracións. No Mercado das Rutas do mar de Muxía, do 10 ao 12 de agosto, a vila celebra súa cultura e tradición mariñeira ofrecendo a gastronomía típico da zona xunto con outras actividades relacionadas co mar. A festa de Exaltación do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa é do 9 ao 12 de agosto, mentres que na Illa de Arousa, a Festa Gastronómica do Mar faise en dúas datas, o 10 e 11 de agosto, e do 12 ao 19. Tamén en Poio, Combarro, teñen a súa propia Festa do Mar, entre o 22 e 26 de agosto.

O rei da gastronomía galega, o polbo, está presente en diversas festas. Unha das máis famosas é a Festa do Polbo do Carballiño, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, que se celebra cada ano na segunda fin de semana de agosto, e que serve miles de racións de polbo á feira. Tamén se pode probar o polbo en Bueu do 10 ao 12, e en Porto do Son o día 13. En Ares celebran a festa do Percebe en Lubre o 11 de agosto e o día 18 as Festas do Langostinos, e en Vilagarcía de Arousa a Festa da Ameixa de Carril os días 18 e 19.

Se preferides a carne, tedes a Festa das Delicias de Porco de Couso, en Gondomar, o 12 de agosto, con variadas tapas de filloas, zorza, lacón ou orella, e carne ao espeto, ou a Festa do Porquiño á Brasa en Amil (Moraña) a última fin de semana do mes. Tamén os produtos tamén da terra teñen o seu oco. É o caso da Festa do Pan do Salnés, o 11 de agosto en Ribadumia, ou a do Pan de Millo de Cabral (Vigo) xa a finais de mes, o día 26, ou as festas do Pemento de Mougán, Guntín, o 25. Outro dos pratos máis representativos da cociña galega, a empanada, tamén protagoniza varias citas, como a Festa da Empanada o 18 de agosto en Bandeira, Silleda, que se vén celebrando desde 1974, ou a de Allariz o día 19. Pero aínda hai máis! O día 10, a mostra de mel de Quiroga; na Cañiza, o día 15 festexan a Feira do Xamón, a festa da lamprea seca o 11 e 12 de agosto en Arbo, ou a Feira do Viño de Monterrei do 10 ao 12 en Verín.

Comida deliciosa, bo ambiente, prezos económicos, festa… Non hai escusa para non ir a algunha destas celebracións gastronómicas. Bo proveito!

Compartir artigo