Revista Punto

2018-10-18T09:59:34+00:00 Cultura, Historias

TENZIN GYATSO: o último Dalái Lama?

Lisardo García
Lisardo García2 Outubro, 2018
TENZIN GYATSO: o último Dalái Lama?

Era decembro de 1990 cando me chamaron para viaxar con urxencia a Mallorca coa idea de realizar unha reportaxe sobre a visita do Dalái Lama á exposición sobre o Tíbet que se inauguraba na localidade mallorquina de Pollença. Cando chegamos, o Dalái Lama realizaba un pasarrúas entre os paisanos locais, acompañado dun pequeno séquito que integraban tres mozos monxes budistas vestidos coa clásica túnica e unha secretaria europea que a unha distancia prudencial traducía ao líder tibetano algunhas das frases que ao seu paso coreaban os asistentes naquel percorrido. O Dalái Lama, coas mans unidas en actitude de rezo e á altura do mentón inclinaba a cabeza de forma mecánica como agradecemento. En vista de que non pasaba nada máis interesante, funme co cámara e o técnico de son á sede do Centro Lama Tsongkhapa de Pollença para esperar ao séquito onde se ía inaugurar a exposición sobre o Tíbet.

Ao final, e tras unha esgotadora insistencia, a secretaria europea do Dalái Lama deunos hora á mañá seguinte para poder entrevistar e filmar algúns planos co líder espiritual, no Hotel Formentor. A espera no hotel foi un luxo. Conseguín imaxinarme a personaxes como a Audrey Hepburn cun elegante bikini branco tomando o sol na piscina, a Vicente Aleixandre dormitando nun dos seus Porsches cun libro aberto nos xeonllos, a Octavio Paz ollando o mar azul baixo a pérgola branca, a Churchill deixando un camiño de cinza e fume chegando ao restaurante, a Rainiero de Mónaco e a Grace Nelly vendo pasar os días e as noites recluídos polo amor e o desexo na súa suite principal, a Camilo José Cela degustando un cap roig á brasa á luz da lúa, ou a Charles Chaplin como si estivera na súa casa, porque en realidade o Hotel Formentor era como a súa propia casa, xa que pasaba largas tempadas vivindo e gozando naquel marabilloso lugar. Estes personaxes, e moitos outros, fixeron do Hotel Formentor o seu luxo persoal.

Polo coidado xardín achegábase a nós sorrinte Tenzin Gyatso, o XIV Dalái Lama, líder político e espiritual do Tibet nado en 1935 na localidade tibetana de Taktser e proclamado soberano aos cinco anos. O seu mandato converteuse nun dos máis aperturistas e de maior difusión mundial da corrente budista. En 1989 recibiu o Premio Nobel da Paz en recoñecemento pola súa longa traxectoria na reivindicación pacífica da liberdade do seu pobo, algo que anos despois, en 2012, lle axudou a tomar a decisión de deixar o seu liderado político. Con este tema, doce anos antes, en 1990, comezamos a establecer conversación en presenza da súa eficaz secretaria europea: “A institución do Dalái Lama converteuse en algo importante polo seu poder político, pero iso pode deixar de existir. Si abandono a tradición do liderado político, será pola miña loita en prol da liberación do Tíbet, avogando por solucións pacíficas que afectaban ao meu pobo, baseadas na tolerancia e no respecto mutuo. Si renuncio, algún día, formalmente a calquera poder terreal, será por iso”. Visto na distancia, en 1990 xa pensaba en algo que ocorreu en 2012, e hoxe sinto que asistín ao encontro co que pode ser o último Dalái Lama. Unha dúbida que segue viva hoxe, aínda que xa apareceu cando nos dixo: “Se non xorde a miña reencarnación acabará de forma voluntaria unha tradición de case cinco séculos”.

Como líder espiritual tibetano, que é o que é na actualidade Tenzin Gyatso, está considerado unha reencarnación de Buda, a máxima perfección espiritual. O Dalái Lama que alcanzou ese estado de iluminación pode optar por non reencarnarse máis ou, polo contrario, continuar o ciclo para axudar ao resto de seres vivos a alcanzar o coñecemento. Mentras bebía té verde insistentemente, o seu ton de voz aclarábase e adquiría un ton de humildade ao sinalar que “o budismo tibetano non depende dun só individuo, temos unha organización cunha estrutura moi meditada, cremos que moi boa, con monxes e académicos moi capaces e mozos que prometen un futuro de estabilidade”. O ton daquela conversación foise volvendo moi interesante. O Dalái Lama falaba de cuestións de peso, como estadista, como líder, non como visionario, afastándose das típicas reflexións sobre a meditación ou claves para a felicidade. Pero non era a primeira vez que o líder se pronunciaba sobre cuestións desa índole. No pasado suxeriu propostas como a de permitir que os tibetanos decidiran o seu propio xefe relixioso, ou que sexa el mesmo en vida quen designe un sucesor, o que supón unha ruptura co procedemento tradicional de elección do Dalái Lama. A asistente e secretaria europea, da que nunca souben o nome, púxonos ao día sobre a elección do Dalái Lama. Contounos que segundo a costume, á súa morte comeza un proceso de busca que levan a cabo os mellores discípulos. Mediante visións, soños e corazonadas identifican posibles candidatos, nenos que naceran nas mesmas datas que o líder espiritual. O que pase unha serie de probas, que inclúen recoñecer obxectos que pertenceron ao seu predecesor, queda proclamado o novo Dálai Lama, comezando a partir de aí un duro proceso de preparación académica e relixiosa. No caso de Tenzin Gyatso, seguiuse exactamente ese procedemento. Trala morte do décimo terceiro Dalái Lama, os seus discípulos máis avantaxados localizaron ao neno mediante visións en 1937. O pequeno Tanzin, de dous anos, nado no seo dunha familia humilde da rexión tibetana de Taktser, identificou correctamente as posesións do Dalái Lama, como unha copa de beber ou o seu rosario, e foi proclamado sucesor. En 1959, tralo fracaso do levantamento tibetano contra as tropas chinas, fuxiu disfrazado de mendigo cara Dharamsala, en territorio indio, onde reside desde entón.

O Dalái Lama volveu a meterse na conversación sinalando que el “seguía buscando máis autonomía para o seu pobo e máis respecto ás súas tradicións culturais”. Por este tipo de declaracións, o goberno central chino desde hai anos desautoriza as súas declaracións, e deixou claro que, á súa morte, se encargaría de nomear un sucesor. O Dalái Lama di que os funcionarios chinos o ven coma un “demo” e el encargouse de dicirlles que si, que o é, “un demo con cornos”. Cada vez se foi afastando máis dos ideais políticos intentando evitar as confrontacións con Pequín. Os seus encontros con líderes de todo o mundo e o recoñecemento popular a nivel internacional, entre os que se inclúen personaxes tan mediáticos como os actores Richard Gere ou Gwyneth Paltrow, son o gran altofalante para manter viva a reivindicación do pobo tibetano e que siga escoitándose o sentir do seu líder. Como ocorreu en 2015 en Inglaterra durante a xornada de clausura do mítico festival de Glastonbury dedicada ao famoso grupo The Who. Acompañado da cantante e poeta Patti Smith, o Dalái Lama subiu ao escenario para enviar aos asistentes unha mensaxe que puidera axudar ao mundo a ser un lugar mellor, máis feliz, e desde onde confesou o seu horror polos atentados xihadistas en Francia e Tunes, e condenou a violencia en Siria, Iraq ou Nixeria. Fronte a iso, a súa receita parece sinxela: “unha boa educación desde as garderías ata a universidade que axude a desenvolver un sentido do coidado e promover o amor humano”.

Sempre mantivo que os mozos do século XXI terán que resolver co diálogo e a confraternización os problemas creados no século XX: “Cunha mente positiva deben prestar máis atención ao valor interior de cada un, e deben discutilo non desde o punto de vista relixioso senón, como digo eu, desde unha ética secular, deste modo e baseándonos en coñecementos científicos, pódese obter unha convicción máis profunda… A paz interior é moi importante para ter unha vida feliz. Esa educación á que me refiro, debe ser integral, responsable e sensible, adoito chamalo sentido da responsabilidade global”. Non pensei que aquel monxe tibetano coa súa túnica azafrán que encontrei por primeira vez nas rúas de Pollença executando mecanicamente actos de bondade e agradecemento aos sorprendidos habitantes da localidade, puidera ser un personaxe tan humano, atrevido, cunha mensaxe tan clara e valente, un personaxe transcendental e universal como o que logo coñecín.

Compartir artigo