Revista Punto

2018-10-24T10:04:53+00:00 Cultura, Talento

Soul’s showroom

Lucía Carballeda
Lucía Carballeda4 Setembro, 2018
Soul’s showroom

Din que a fotografía é quen de roubarche a alma. Algo parecido debeu experimentar o artista Xurxo Gómez-Chao (A Coruña, 1960) coa do filme Barton Fink dos irmáns Coen para adicarlle a súa serie “Hotel Earle” (2011-actualidade).

Os descunchados, as humidades e a decadencia da habitación onde os Coen ambientaron o espazo de reflexión do protagonista serven de inspiración ao pintor coruñés. Panos bermellón ou turquesa cheos de fendas ou empapelados con motivos vexetais funcionan na obra do artista coma un telón de fondo para a representación dunha serie de nebulosas e de cadeiras onde ninguén semella querer tomar asento.

Malia isto, non estamos ante espazos deshabitados pois as nubes, unha constante na obra de Gómez-Chao, están a funcionar coma retratos ou mesmo coma un elemento autorreferencial do propio artista. A contemporaneidade técnica, onde se mestura a instalación, a fotografía e unha viva pintura de cores fluor, establece un equilibrio perfecto coa faceta máis romántica e simbólica deste ex-alumno do atelier parisiense Pierre Carron (discípulo de Balthus).

Hai dous séculos John Constable, alcumado “o home das nubes”, trataba de capturar as instantáneas do ceo a partir das nubes que se recortaban sobre este valéndose da súa pintura de cabalete. Gómez-Chao atrápaas agora no seu estudio e crea para elas unha coidada atmosfera, a máis axeitada para amosar ao espectador a condensación ou sublimación do líquido, elemento protagonista da súa obra. Nubes que queren facer visible o invisible, que son unha representación simbólica da alma.

Compartir artigo