Revista Punto

2018-09-14T12:40:45+00:00 Cultura, Música, Radar

Sumrrá: “6 mulleres”

6 mulleres (Clermont Music, 2018).
Miguel Estima
Miguel Estima8 Setembro, 2018
Sumrrá: “6 mulleres”

Pode unha banda chegar á maioría de idade con tanta frescura e ao mesmo tempo madurez? A resposta é simple, teñen como nome Sumrrá e son de Santiago de Compostela. Unha das mellores formacións de jazz de Galicia que conta cun número de actuacións a nivel nacional e internacional incrible.

O seu último e sexto traballo, 6 mulleres, é un disco de homenaxe a seis mulleres, seis nomes fortes da loita feminista. Sendo Frida Khalo quen comeza o disco, seguido de Malala Yousafzai, Rosa Parks, Qiu Jin, Nawal El Saadawi, e rematando con Rosalía de Castro. Case a totalidade dos temas están compostos polo contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, a excepción de “Malala Yousafzai” que é do pianista Manuel Gutiérrez. Tal vez por iso sexa un tema onde a inspiración ten unha presenza máis forte do piano. Non menos presente está sempre o batería L.A.R. Legido, que en “Nawal El Saadawi” amosa o seu lado máis performance despregando un abano de sons únicos, froito dun percursionista brillante. Esta química dá como resultado un álbum que sempre é digno de escoitar, xa sexa na casa ou en directo, onde vemos toda esta sinerxia dunha forma libre e xenuína.

O disco que foi gravado en Gaia nos BOOM estudios e masterizado en Nova York, vén acompañado doutra obra de arte da artista galega María Meijide, que fixo todo o traballo gráfico da portada do álbum. 6 mulleres presentarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela o mércores 12 de setembro ás 21 horas, no marco da programación do WOS Festival, e contará cun espectáculo de videocreación con visuais únicas para esta presentación a cargo da artista multimedia Laura Iturralde.

Compartir artigo