Revista Punto

2018-11-08T09:58:24+00:00 Opinión

Sobre o carácter reconstituínte de non facer nada

Román Aday
Román Aday7 Novembro, 2018
Sobre o carácter reconstituínte de non facer nada

Supoño que este tipo de cousas pásannos a todos nos. Os paróns, quero dicir. Un ten as súas expectativas vitais, as súas ilusións, e a realidade, coma un tren, pasa por elas e queda só o pó levantado.


A cousa e que é algo normal e que debería terse interiorizado moito antes. Pero non é sinxelo de ver. Sempre parece que un ten que estar plenamente motivado, plenamente centrado e plenamente feliz coa súa vida e as súas decisións. Todo saúde, todo bondade, todo positivismo.


Eu o que penso e que as cousas, o mundo e mais eu somos unha merda. Os meus amigos son unha merda, as miñas relación son unha merda, o meu traballo é unha merda, e as miñas aspiracións tamén. E non penso que exista ningún problema por dicilo así. Eu quero as cousas que teño, por moi irritantes ou tristes que sexan as veces. E non espero que veña alguén a dicirme “síntoo moito, pódoche axudar se queres” porque o máis probable é que tamén a vida desa persoa sexa unha merda, aínda que non o queira recoñecer.


Outra cousa sobre a que pouco se fala é o dereito que deberíamos ter todos a non facer nada. Parece que se un está parado e sen motivación, convértese nunha basura humana. Nada máis lonxe da realidade. É verdadeiramente difícil non facer nada e disfrutalo. Estamos demasiado acostumados á actividade e demais. Tirarse no sofá é a mellor expresión de rebeldía e de revolución que nos queda. Iso si, sempre e cando sexa de forma consciente.


O que quero dicir ao final é que non sempre tes por que ter ganas de facer algo, non tes por que querer cousas, non tes por que marcarte uns obxectivos. Pode ser igual de estúpido querer abarcar moito ou non querer abarcar nada. Tanto da. É so unha cousa que está no ambiente e sobre a que collen frases optimistas e as poñen en tazas. Pero tamén eles e elas séntense coma unha merda ou teñen dúbidas ou son humanos.


O outro día estiven a falar sobre felicidade cun amigo e el dicíame que esta se daba en momentos puntuais. Eu lle dixen que se collo a miña vida en instantes, todos eles parécenme horribles. Pero se os miro en conxunto síntome feliz do que pasou. Síntome feliz das pausas, dos meses nos que non fixen nada coa miña vida, das dúbidas, das voltas e do perdido que estaba, que estou e que estarei.


Ese será o plan por un tempo. Buscar boas pelis que ver despois do traballo, ou pelis malas, tanto da. Abrir palomitas, tirarme no sofá, poñerme a manta. Ver os días pasar e sentir que a vida se me escapa. Iso é o de menos. O que importa é saber que, polo menos, a vida está nalgún lugar. Ter evidencia dela. Iso é o que salva.

Compartir artigo