Revista Punto

2018-11-13T10:27:08+00:00 Opinión

Sharp Objects: atmosfera de maldade aditiva

Noelia Antelo
Noelia Antelo7 Novembro, 2018
Sharp Objects: atmosfera de maldade aditiva

Sharp Objects (Heridas Abiertas) cóntanos a historia de Camille Preaker, unha xornalista alcólica e con traumas que volve á súa vila natal para investigar os asasinatos de dúas nenas. A serie de HBO é perturbadora e aditiva. Ante a maldade que se respira no ambiente, o único refuxio é empatizar coa súa protagonista.

Os títulos de crédito de Sharp Objects xa son un bo comezo para unha serie que engancha desde o primeiro momento, tanto pola súa historia, as súas personaxes complexas e a súa estética. O primeiro punto a favor é o personaxe de Camille (interpretado por unha espectacular Amy Adams). A través da súa mirada identificámonos con ela, co seu trauma, coa dificultade que lle supón volver a Wind Gap, unha vila conservadora, e co feito de volver convivir con súa nai, a súa media irmá Amma e o recordo da morte da súa irmá pequena. Ao longo da trama imos ir descubrindo o porqué do seu trauma e da súa autolesión. E volvo aquí aos créditos, nos que entrevemos obxectos punzantes, unha metáfora desas feridas que marcan o corpo de Camille.

Protagonismo feminimo

Non sería xusto resaltar só o papel de Amy Adams. Sharp Objects é unha serie de mulleres (perdoádeme se digo que os homes aquí son mero complemento). Eliza Scanlen interpreta maxistralmente a Amma, a medio irmá de Camille. Encarna unha personalidade contraditoria, manipuladora, infantil, misteriosa… E Patricia Clarkson, que dicir nela! Teño a teoría de que se che arrepía tanto unha personaxe é que a súa interpretación é perfecta. Así está ela no papel de Adora Crellin, a nai que agocha a síndrome de Munchausen por proximidade. Por certo, a serie serviume tamén para descubrir esta enfermidade aterradora. Sinto calafríos só de pensar nunha mente que precisa facer dano a un fillo para sentir que este require os seus coidados.

Cando parece que nada te pode sorprender ou gustar máis, chegamos ao final. Unha auténtica sensación de horror percorreu o meu corpo cando Camille descobre un dente na casa de bonecas. E, sen dúbida, esa montaxe esclarecedora en medio dos créditos finais era o cumio desta serie que consegue capítulo tras capítulo somerxernos nunha atmosfera de inquedanza e agonía constante grazas, en parte, ao uso da montaxe e da música.

Música como terapia

A música da banda sonora é outro dos elementos máis salientables da serie. Perfectamente escollida e sempre diexética. A música ben alta soa no tocadiscos do marido da nai mentres parece esquecer o que pasa nesas paredes… Pero centrareime na que sae do iPod de Camille. En lugar de autolesionarse, as cancións agora funcionan para ela como terapia. A nós, tamén nos permite redescubrir a Led Zeppelin. Por certo, parece ser que o grupo británico é bastante reticente a que os seus temas soen en series ou películas. Que ben que fixeran unha excepción con Sharp Objects.

Sobre a autora
Carballesa que combina o traballo de social media con plans que falen de comer, concertos ou series.

Compartir artigo