Revista Punto

2018-09-13T10:41:43+00:00 Cultura, Opinión, Series

Fariña: Narcos á galega

Noelia Antelo
Noelia Antelo5 Setembro, 2018
Fariña: Narcos á galega

Fariña, producida por Bambú, foi a serie que me fixo volver ver a televisión un día concreto da semana e a unha hora determinada, con anuncios incluídos. Creo que en pleno 2018 xa é un punto a favor para unha serie, non?

Sendo fiel seguidora de Narcos, mesmo sen Pablo Escobar pero co axente Peña -ou mellor dito, co meu querido Pedro Pascal-, e atrapada no seu momento pola lectura do libro de Nacho Carretero -antes de que o secuestraran debido á demanda dun ex-alcalde que, por certo, disque non leu o libro pero á televisión si debía andar atento-, tiven que marcar na axenda a data de estrea de Fariña en Antena 3.

A expectación estaba servida: polémica polo citado tema do libro, éxito da temática entre o público grazas a Narcos, traslado á ficción de narcotraficantes galegos -porque claro, os outros eran de Colombia pero estes están aquí ao ladiño, nas Rías Baixas-, un reparto formado case en exclusiva por galegos… E non decepcionou. Tiña as miñas series dúbidas do resultado do traslado da historia á ficción, posto que o libro do que parte é totalmente xornalístico. Nel podes chegar a perderte con tantas personaxes do narcotráfico e da política galegos e tantos datos.  Con todo, os guionistas souberon facer a historia súa e os actores que protagonizan a serie fixeron o resto, cunha moi boa interpretación duns personaxes ben escritos.

Fariña resume a actividade nas rías galegas da cooperativa de Terito (Manuel Lorenzo): desde o contrabando de tabaco ata tráfico de hachís e cocaína. Pero, sobre todo, conta o ascenso ao poder de Sito Miñanco (Javier Rey). Un Sito Miñanco televisivo do que te namoras (ou só me pasou a min?) a pesar de que coñeces e aborreces o que fai. Polo que contan tamén pasaba coa propia persoa e, en xeral, cos narcotraficantes: ben vistos e aclamados pola xente nunha Galicia deprimida.

Volvamos á serie. Baixo o coidado técnico e de localizacións, a serie mantén un ritmo constante e aditivo para facer unha radiografía do narcotráfico na Galicia dos anos 80 e 90 en dez capítulos de 70 minutos. O guión non enreda en tramas amorosas (máis do debido) nin se mete en tramas complicadas e vai directo ao que ten contar: as descargas do narcotráfico, a evolución dos personaxes (como dicimos, sobre todo de Miñanco) e o caso da Operación Nécora. O final, que mestura a ficción co documental -imaxes reais do xuízo-, parece quedar pechado. Cóntanos que foi de Sito Miñanco, Manuel Charlín, Laureano Oubiña e a súa muller Esther Lago. O relato engancha, xa parte dunha historia atractiva, e a forma de contalo foi un acerto para non aburrir ao espectador. A isto contribúen en boa medida as ocorrentes frases do guión. En Galicia “o único Escobar que coñecemos chámase Manolo”. Agora xa non, claro. Fariña, Narcos á galega.

Se aínda non viches Fariña, aínda podes facelo. E agora, cando queiras. Xa están os dez capítulos en Netflix. Coidado, a droga engancha. Moitos queremos máis. Será por fariña en Galicia!

Sobre a autora
Carballesa que combina o traballo de social media con plans que falen de comer, concertos ou series.

Compartir artigo