Revista Punto

2018-10-02T21:24:46+00:00 Axenda, Cultura, Radar

Seis novas citas musicais completan O Son do Camiño 2018

Redacción
Redacción2 Outubro, 2018
Seis novas citas musicais completan O Son do Camiño 2018

O Son do Camiño vén de anunciar novos concertos dentro da súa programación deste ano. Serán seis concertos de recoñecidos artistas nacionais e internacionais os que completarán este outono a programación de O Son do Camiño 2018, o festival co que Galicia promove a celebración do Xacobeo 2021. Despois do festival celebrado en xuño no Monte do Gozo de Santiago de Compostela ao que asistiron máis de oitenta mil persoas, as novas citas musicais ampliarán o seu alcance a outras cidades de Galicia.

O cartel estará protagonizado por The Hives, na Coruña, e Miguel Poveda, en Ferrol, ambos concellos do Camiño Inglés. En Lugo, cidade pola que discorre o Camiño Primitivo, recalará Pablo López, mentres que en Ourense, na Vía da Prata, actuará Rodrigo Leao. Finalmente, José González pasará por Pontevedra, no Camiño Portugués, e Mon Laferte por Vigo, no Camiño Portugués da Costa, pechando así a programación da primeira edición do evento.

As citas terán lugar ao longo dos meses de outubro e novembro, cunha proposta que dá continuidade ao festival, celebrado con gran éxito no Monte do Gozo. O Son do Camiño promoveu deste xeito a imaxe de Galicia a través dun dos seus principais activos culturais e turísticos, o Camiño de Santiago, e consolidando a oferta de festivais da Comunidade.

Esta serie de concertos é unha aposta pola variedade de estilos, enriquecerá a programación musical de outono. As entradas xa están á venda en Osondocamino.es.

Compartir artigo