Revista Punto

2018-08-24T10:39:43+00:00 Cociñar, Lifestyle, Negocios

Un fogar enxebre e ecolóxico

Fogar do Santiso
Redacción
Redacción9 Maio, 2018
Un fogar enxebre e ecolóxico
Fogar do Santiso

O Fogar do Santiso é un lugar ben coñecido por aquelas persoas que frecuentan a zona de Santiago de Compostela. Para quen aínda non o coñeza, atópase no lugar de Trasellas, Luou, no concello de Teo. Este restaurante familiar abriu as súas portas en 1996 e foi medrando ao longo dos anos. Á parte do restaurante “Orixe” en Teo, tamén rexentan outro local en Santa Cristina, Oleiros. “100% Galego, 100% Ecolóxico, 100% Sustentable”, así é a carta de presentación deste restaurante, que nos dá unha idea do que poderemos atopar se nos achegamos a coñecelo.

O Fogar do Santiso é un sitio, cando menos, peculiar: bancos e mesas de táboas, aparellos de labranza, muíños e ata telas de araña adornan os comedores deste restaurante. Sen dúbida, un lugar que pon en valor as tradicións labregas e do rural, e a cultura galega. Pódense ler versos de autoras como Rosalía de Castro esculpidos nas paredes ou gravados en anacos de madeira.

Duns anos para aquí, desde o 2007, o lugar experimentou algúns cambios co obxectivo de converterse nun exemplo de restaurante sustentable. Pasou a ser produtor ecolóxico co autoabastecemento como principais premisas. Produtos locais e de tempada, moitos deles das súas hortas, pan feito a man, peixe das rías galegas, carnes de produción ecolóxica… En Fogar do Santiso apostan pola “Gastronomía 360º”, baseado na economía circular, a produción propia e a reciclaxe.

Adaptándose ás novas modas, os responsables do Fogar do Santiso crearon tamén unha caravana, o “Fogar Viaxeiro”, ao estilo dos famosos foodtrucks, que percorre toda Galicia. Con este formato o Santiso traslada os mesmos produtos e servizos que ofrece nos seus restaurantes a festivais e eventos na rúa ou a outro tipo de ocasións máis especiais como vodas.

O Fogar do Santiso é un concepto de gastronomía galega cada vez máis experto na mestura do tradicional, o ecolóxico e o rural, coa innovación. Sempre, sen perder a súa esencia. Visita obrigatoria para os amantes da cociña da terra.

Compartir artigo