Revista Punto

2018-11-09T09:08:15+00:00 Descubrir, En Destaque, Lifestyle

Respira as Fragas do Eume

Martín Pais
Martín Pais6 Novembro, 2018
Respira as Fragas do Eume

Se tiveramos que facer referencia a unha cor para falar de Galicia, cal creríades que sería? Dentro da ampla paleta cromática da que dispón a comunidade galega e as súas paisaxes, unha delas sería claramente a verde. En todas as súas formas posibles. Polos seus prados, polas súas árbores, polos seus bosques. Unha riqueza natural que fai desta terra un lugar único no mundo.

O Parque Natural das Fragas do Eume é un dos bosques atlánticos máis importantes a nivel europeo. Pola súa preservación. Porque segue sendo un espazo “libre” do intervencionismo do ser humano. Polo súa fauna. Pola súa flora. Pola súa maxia.

Comprendidas nun compendio territorial entre os concellos de As Pontes, Monfero, Pontedeume, A Capela e Cabanas, conta con 9.000 hectáreas de terreo. O río Eume serpentea este frondoso bosque polo seu canón ata chegar a desembocar no mar na vila de Pontedeume, e forma unha postal espectacular. A mellor maneira de descubrir as Fragas do Eume é percorrer a pé as súas sendas. Tanto entrando desde Pontedeume como desde A Capela ou Monfero, as posibilidades son variadas, todas dunha dificultade media-baixa, o que as fai accesibles para gran parte do público que desexe visitalas. O camiño de Pena Fesa, o camiño dos Encomendadoiros, o camiño dos Cerqueiros, a senda da Ventureira, a ruta das Pontes… Simplemente déixate levar polo canto dos paxaros, o rumor do Eume e a pureza do aire nesta contorna, que parece trasladarnos a outra época completamente distinta da nosa.

Un dos roteiros que contén un aura especial é a senda da Ventureira. Alí poderemos contemplar a antiga factoría hidroeléctrica, que servía de abastecemento aos núcleos de poboación máis cercanos. Pechada ao público por cuestións de seguridade, a través dun oquiño na súa porta de ferro podemos contemplar o que antano foi un lugar cheo de vida, e no que agora as súas pezas permanecen inmóbiles, testemuñas dunha industrialización pasaxeira. Continuando pola mesma, poderemos pasear e bordear o río ata chegar a unha das áreas de descanso que están dispoñibles no parque, e así repoñer forzas tras os quilómetros percorridos.

Como riqueza arquitectónica, debemos destacar o Mosteiro de San Xoán Caaveiro, unha construción que data do século X, que alcanzou a súa plenitude ata ben entrado o século XVIII, tempo no que quedou abandonado e comezou o seu deterioro. Reformouse posteriormente e no 1975 declarouse Monumento de Interese Provincial pola súa importancia arquitectónica. Consta de varios edificios de estilo románico, aínda que tamén algunha das súas naves se ve claramente influída polo estilo barroco. Outro lugar que non debemos perdernos é o Mosteiro de Santa María de Caaveiro, composto por tres claustros e que foi fundado polo rei Afonso VII no século XII. De estilo barroco e románico, predominando o primeiro despois da súa restauración no século XVII.

Que máis podemos dicir dun dos maiores tesouros naturais cos que conta Galicia. Con este artigo tan só queremos destacar a existencia dun espazo inmensamente especial, altamente valorado e un dos máximos expoñentes da nosa Comunidade a nivel europeo. Desde a Revista Punto recomendámosvos encarecidamente a que fagades a viaxe que nós fixemos, que vos deixedes levar polos seus recunchos e enchouparvos da súa maxia. Porque de verdade, non vos arrepentiredes. Respirade as Fragas do Eume. Coidádeas. Respectádeas. Cobrade alento e contemplade a maxestosidade de algo tan de todos, tan necesario e perenne nas nosas vidas.

Compartir artigo