Revista Punto

2018-11-15T14:29:44+00:00 Opinión

Redescubrir a Natureza para evitar o colapso

João Rodrigues
João Rodrigues7 Novembro, 2018
Redescubrir a Natureza para evitar o colapso

Unha das máis serias doenzas que padecemos nos tempos de hoxe é o noso afastamento da Natureza. O século pasado abandonamos o campo e fomos vivir ás cidades. No medio rural estabamos en sintonía cos ritmos naturais. Hoxe vivimos fechados en cidades nun continuo indistinguíible de alcatrán e cemento onde a Natureza é unha cousa vaga que está máis alá dos muros da urbe.

Ao descoñecermos e afastarnos da Natureza facilitamos a súa destrución. Non podemos protexer e dar valor ao que non coñecemos. Por iso, sen saber o que estamos a perder –e contra o noso propio interese– consentimos a dilapidación de montañas, bosques, ríos e mares. Todo feito en nome do «progreso» que non é máis que a ganancia duns poucos á custa daquilo que é de todos.

Coa economía global expandíndose exponencialmente hai máis de 200 anos, a extracción e conversión de recursos materiais e enerxía en bens, servizos e residuos é hoxe colosal. E parece non ficar por aquí: estímase que o uso de recursos materiais duplique ata 2060. Nos países ricos este axigantamento das economías non ten como finalidade aumentar a calidade de vida das poboacións, mais si perpetuar lucros de accionistas. É sabido que despois de atinxido un determinado nivel de riqueza, maiores rendementos non resultan en máis felicidade ou benestar. Resultan, si, en máis destrución das formas de vida que nos sustentan.

Non sorprende, pois, que nunha economía global expansionista e trituradora de vida, 60% dos mamíferos, aves, peixes, réptiles e anfibios desaparecese en menos de 50 anos. Se este exterminio fose aplicado á poboación humana, resultaría na aniquilación de todas as persoas de Europa, África, América do Norte, América do Sur, China e Oceanía. Tampouco sorprende que o planeta estea hoxe máis quente do que estivo algunha vez nos últimos 120 mil anos. Ou até que sacos de plástico repousen no lugar máis profundo do océano.

Mais esta realidade non é inevitable. Combater o colapso ecolóxico e climático é posible. Para iso é imprescindible redescubrir a nosa identidade de especie que, como calquera outra, é dependente e parte integrante da Natureza. Esta redescuberta pode pasar por traer a Natureza ata nós. Podemos naturalizar as cidades. Non só plantando árbores nas rúas e abrindo xardíns nas prazas, mais indo máis alén, plantando verdadeiros bosques urbanos. Con eles virá a proximidade ao mundo natural, a redescuberta e a admiración dun mundo do cal todas formamos parte.

Podemos tamén redescubrir a Natureza indo ao seu encontro. Camiñando polos bosques. Subindo ás serras. Mergullándonos nos ríos. Correndo nas praias. Debemos facer todo isto en cada unha das estacións do ano. Parando, escoitando e ollando. Reparando naquilo que nunca antes fomos capaces de ver.

Temos que rodearnos de Natureza para entender a súa importancia. Non para salvala, mais para salvarmos a nós do colapso climático e ecolóxico. Con colapso ou sen el, a Natureza continuará a existir. A única dúbida é se estaremos aquí para vela.

Sobre o autor

Investigador na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela. Doutorando en Ciencias Mariñas no Campus do Mar.

Compartir artigo