Revista Punto

2018-05-10T13:08:14+00:00 Opinión

A sostibilidade está por todas partes, pero que significa?

SOSTIBILIDADE
João Rodrigues
João Rodrigues
9 Maio, 2018
A sostibilidade está por todas partes, pero que significa?

Sostibilidades hai moitas. Hai a ecolóxica, a social e a económica, por exemplo. Están todas relacionadas, pero como todos dependemos de enerxía, alimentación, osíxeno e auga potable para vivir, non ten sentido falar das nosas relacións sociais e da economía sen abordar primeiro os sistemas de vida que as sosteñen e dos cales dependemos para existir. Por iso abordarei aquí a sostibilidade máis importante de todas: a ecolóxica.

O dicionario da Real Academia Galega é un bo punto de partida. Nel, o termo sostibilidade é definido como a “característica da evolución que permite preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro”. “Preservar”, “manter”, “mellorar”, son verbos a ter en conta; “velar polo futuro” é absolutamente esencial.

“Preservar, manter ou mellorar” os sistemas de vida dos cales dependemos. Os montes, bosques, ríos, mares e rías sen os cales non podemos vivir. Non só os de Galicia, senón os de todo o planeta. No mundo globalizado de hoxe, son os países máis pobres os que máis sofren coa destrución dos seus sistemas de vida. Véxase o caso da República Democrática do Congo: é rica en coltán, unha mestura de minerais esencial para as baterías dos nosos coches eléctricos, ordenadores e móbiles. Alí predomina o traballo infantil e a guerra civil polo control deste recurso, extraido en minas a ceo aberto que provocan o colapso ecolóxico dunha vasta área do territorio. Hai demasiados Congos no mundo. Todo para que poidamos ter a roupa de última moda, a televisión mais grande e o mellor coche.

A palabra sostibilidade aparece en todos lados. Nas redes sociais, na radio e na televisión. Nas etiquetas de roupa “100% responsable” con “materiais ecolóxicos”. En informes de petrolíferas como “desenvolvemento sostible” ou “sostibilidade corporativa”. Ou ata en discursos políticos en forma de “crecemento sostible”. A palabra sostibilidade é usada con tanta frecuencia e en contextos tan diversos que corre o risco de tornarse un significante baleiro, se xa non o é.  Pero entón, que é a sostibilidade?

Xa “velar polo futuro” é non pór en causa os dereitos das nosas fillas e netas a gozar da Natureza como a coñecemos e acceder a todo o que necesitan para prosperar. É tamén saber respectar e compartir o planeta cos outros animais, plantas e demais formas de vida. Algúns din “non te preocupes, a tecnoloxía solucionará os nosos problemas de sostibilidade ecolóxica”. Outros afirman que é posible disociar o noso crecente consumo da destrución dos sistemas de vida. Non debemos ser así tan inxenuas: nos días de hoxe, o colapso climático galopante e a perda masiva de diversidade de vida alértannos para a fantasía desas narrativas.

A sostibilidade ecolóxica non o é por estar estampada nunha etiqueta calquera de roupa, embalaxe de móbil ou informe empresarial. É practicada cando respectamos os límites biofísicos do planeta, cando recoñecemos o valor intrínseco da Natureza e cautelamos o futuro das vindeiras xeracións. É por iso que, colectivamente, temos o deber de actuar, participando, difundindo e acariñando os movementos sociais, os modos de vida e as iniciativas que verdadeiramente loitan por unha sociedade máis sostible.

João Rodrigues

Investigador na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela. Doutorando en Ciencias Mariñas no Campus do Mar.

Compartir artigo