Revista Punto

2018-04-26T09:31:49+00:00 Opinión

Que non é arquitectura?

Compartir artigo
Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño
27 Marzo, 2018
Que non é arquitectura?

A arquitectura acompaña ao ser humano desde fai milenios. Desde que as covas deixaron de ser o noso refuxio, a especie humana busca a mellor maneira de habitar o seu contorno e adaptalo ás súas necesidades específicas. Construcións cada vez máis complexas serviron como soporte e reflexo da evolución técnica, social e artística deste mamífero fisicamente fráxil, aínda que excepcionalmente intelixente.

Cubertas as necesidades básicas para garantir unha boa calidade de vida, a arquitectura comezou a tratar temas transversais a outras artes, a mesturarse con elas, e a diluír límites entre a simple construción de espazos habitables e a necesidade de expresión plástica inherente ao ser humano. Isto converteu un acto de pura supervivencia, nunha linguaxe, unha forma de comunicarnos con nós mesmos e coas vindeiras xeracións.

Este acto de comunicación “feito pedra” é no século XXI tan caótico, polifacético e efémero como a sociedade do que é produto. A fronteira entre arquitectura, escultura, pintura, música e escritura é cada vez máis permeable. Por ese motivo é hoxe máis importante que nunca definir que é ou non arquitectura. Acoutar, cribar e sanear o propio termo como acto de dignificación da propia profesión. Tarefa complexa esta, cando aínda hoxe non existe consenso total sobre se o Partenón de Fidias é arquitectura ou escultura, ou se algunhas das obras de Richard Serra ou Eduardo Chillida son só escultura ou superan esta arte para penetrar no da arquitectura.

Se é difícil definir que é arquitectura, case é máis complexo sinalar a súa antinomía. Non é arquitectura un coche ben deseñado? Non podería selo tamén un vestido de alta costura? O manexo das texturas, proporcións, cores, espazos, interacción coa luz, funcionalidade non son conceptos comúns e fundamentais desta arte? Marco Vitruvio propoñía no seu tratado De Architectura que a arquitectura descansa sobre tres piares básicos: Firmitas (firmeza), Utilitas (utilidade) e Venustas (beleza), sendo finalmente a arquitectura un equilibrio entre estas tres variables. Na ausencia dalgunha delas a obra non podía ser considerada arquitectura.

Por outra banda, Le Corbusier dicía que “a arquitectura é o xogo sabio, correcto e magnífico dos volumes baixo a luz (…)”. As definicións clásicas tanto a vitruviana como a corbuseriana poden ser aplicables a moitos ámbitos da creación humana, polo que as invalida como definición  unívoca. Pero tamén se observa un proceso de ambigüidade na mesma profesión. É o Guggenhein de Frank Gehry arquitectura ou unha enorme escultura baleira no seu interior? Se aceptamos esta obra como simple arquitectura, tamén poderiamos aceptar a posibilidade de que un Rolls-Royce o sexa. E se isto non é posible, reformulemos o concepto ou reflexionemos sobre se existen eses límites ou, se na realidade, son tan sequera necesarios.

Hai arquitectura en tódolos ámbitos da creación humana, nós mesmos somos arquitectura, a propia vida é arquitectura, e a morte o certificado de fin da obra. Só precisamos dun ollar atento e unha sensibilidade certa para saber que nada escapa ao marco conceptual arquitectónico. Se todo é arquitectura, nada existe fora dela, esta é unha linguaxe universal, plena e significante, é a palabra do humano na Terra. Coidemos dela como valor último e representante da condición humana.

Sobre o autor

Arquitecto.

Compartir artigo