Revista Punto

2018-08-24T10:43:33+00:00 Cociñar, Lifestyle

A Ostrería, Frebas & Amoado

Propostas innovadoras na Nave 5
Fotografías: © Martín Pais.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro5 Xuño, 2018
A Ostrería, Frebas & Amoado
Propostas innovadoras na Nave 5

Situados na Nave 5 do emblemático Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, A Ostrería, Frebas e Amoado son tres locais que chegaron o pasado agosto para dar un sopro de aire fresco á restauración compostelá. Ramón Barreiro, un verdadeiro entusiasta da dinámica do Mercado e coñecedor do produto local, e Maica Couto, con ampla experiencia no sector hostaleiro, son dous amigos que se embarcaron na aventura de rexentalos. A súa filosofía baséase en “ofrecer unha mestura de cociña tradicional e nova cociña, sempre con produtos de primeira calidade”. Precisamente os alimentos frescos, así como os viños galegos son as principais apostas dos establecementos. O concepto está pensado tanto para turistas como para a xente local de Compostela e do resto de Galicia que queira probar novos sabores. Nas paredes de cada local podemos consultar os pratos e os prezos da carta, ao alcance de tódolos petos, que convidan a querer probalo todo.

Na Ostrería, como o seu nome indica, o produto estrela é a ostra, concretamente o ostrón francés, traído sobre todo da zona de Cambados. Pero tamén se poden degustar outros mariscos bivalvos como mexillóns, berberechos, zamburiñas e navallas, e peixe do día ou ceviche.

En Frebas atopamos bocadillos feitos con pan artesán e carne de porco. O porco, alimentado a base de castañas, ásase enteiro para conseguir que toda a carne saia igual de branda. Ademais de engadirlles mazá, tomate e outros ingredientes, destacan as salsas especiais, entre elas a de curry e mango, a chimichurri ou a maionesa de cítricos.

Pola súa banda, en Amoado fan filloas con recheos variados, desde polbo con queixo San Simón, tenreira ou gambóns. Un elemento tan típico de Galicia como é a filloa, renovado grazas á fusión coa nova cociña.

O clima envolvente do mercado, a pedra, a luz, a temperatura, e, por suposto, o propio formato dos locais con cadeiras altas, barras que funcionan como mesas e cociña á vista, fan que neste lugar a experiencia non sexa a mesma á que se vive nun restaurante ao uso. Precisamente por iso, os locais son un punto de encontro no que se lle da valor á cercanía e ao intercambio de conversas e experiencias coa clientela. Tamén teñen comida para levar, aínda que recoñecen que “a xente prefire probar a comida no ambiente do mercado”.

Os locais están abertos de 11.30 a 17.30 e de 20.30 a 00.00 horas, de luns a sábado. As noites da fin de semana as opcións son do máis apetecible: desde a paella nos “Rock ‘N Rice” dos venres á “Queimada Folk” que preparan os sábados á noite, de balde para os asistentes, con conxuro e música incluída para animar o ambiente.

Para a sesión vermú, para comer, para cenar… Calquera momento é ideal para pasarse pola Nave 5, un auténtico luxo gastronómico. Moi recomendable!

Compartir artigo