Revista Punto

2018-04-04T14:25:08+00:00 Compás, En Destaque, Lifestyle

Praga, a cidade das cúpulas

Compartir artigo
Redacción
Redacción4 Abril, 2018
Praga, a cidade das cúpulas
Compartir artigo

Capital da República Checa, situada nas marxes do Vltava, Praga é considerada un dos núcleos urbanos máis fermosos e antigos de Europa, cun enorme patrimonio arquitectónico e unha rica vida cultural, debido á infinidade de atraccións que poderá encontar. A cidade non é moi grande e, por iso, é posible coñecela toda a pé; para quen o prefira, a mobilidade en transporte urbano é moi sinxela. Para ver todo o que ofrece a cidade, vai ter que pasar varias veces pola Ponte de Carlos, a máis antiga de Praga. A ponte está decorada con 30 estatuas, a maioría delas de estilo barroco, que representan aos santos venerados nos séculos XVII e XVIII. A Ponte de Carlos lévanos ao casco antigo, situado no centro de Praga. A catedral Týn, de estilo gótico, e a igrexa barroca de San Nicolás, así como o reloxo astronómico, son visitadas polos turistas durante todo o ano. A Praza de Venceslau está situada na cidade nova e está rodeada por edificios que, na súa maioría, son hoteis, restaurantes e tendas de moda. O edificio máis famoso desta praza é o Museo Nacional de Praga. Ademais, ao longo da avenida, pódese atopar e degustar o famoso doce trdelník, feito con masa enrolada nun espeto, á grella e recuberto de azucre e unha mestura de noces ou canela.

O Castelo de Praga, fundado no século IX, é considerado o maior castelo do mundo segundo o libro Guiness World Records. Na zona do castelo atópanse a Catedral de San Vito, o Palacio Real do Castelo de Praga, o Convento de San Xurxo, a Torre Dalibor e a Rúa dos Alquimistas ou Dourada.

O máis seguro é que teña oído falar da Casa Danzante. Este orixinal edificio, que actualmente alberga oficinas, foi deseñado polo arquitecto Vlado Milunić en colaboración con Frank Gehry. Chama a atención entre edificios de estilo neobarroco, neogótico e modernista, polos que maiormente se coñece a cidade. Outro punto de paso importante é o Muro de John Lennon, decorado con graffiti e cores, que contrasta co estilo do centro histórico. O primeiro debuxo sobre o muro xurdiu a comezos da década dos 80, cando todo o mundo estaba conmovido pola morte de John Lennon. A policía comunista entendeu este acto como unha forma de protesta e vandalismo. Non obstante, a prohibición dese acto non logrou impedir que a xente seguira deixando as súas mensaxes no muro. Hoxe, o muro garabateado aínda está aí, con letras dos Beatles e co rostro de John Lennon. Este muro non é só un memorial ao membro da banda, senón tamén unha manifestación da liberdade de expresión.

Hai moitas razóns polas que se pode visitar Praga, pero daremos outra máis: os edificios de cores en moitas das súas rúas dan un ambiente vibrante á cidade. Praga recibe un gran número de turistas durante todo o ano, especialmente no verán, aínda que tamén ten moito encanto no inverno. Iso si, se visita Praga nunha estación fría, abríguese ben.

Compartir artigo