Revista Punto

2018-06-07T10:33:17+00:00 Opinión

Pilatos

Ao fondo á dereita
Román Aday
Román Aday6 Xuño, 2018
Pilatos
Ao fondo á dereita

Hai pouco tomei conciencia da sagrada e inamovible realidade de que tería que ter viaxado moito máis e moito antes. A verdade é que niso fun ben parvo. Fixen os 26 o mes pasado e sufrín a ineludible crise dos post-25. Así que enchín a maleta e fun ver a unha amiga no estranxeiro. Foi poñer os pés noutro sitio para que todos os problemas se me olvidaran. A verdade é que iso de escapar dos seres queridos é unha marabilla.

Un dos días foi especialmente cosmopolita. Visitamos unha cidade alemá. Tiña unha catedral destas que caes para atrás só de mirala. Salchichas fortes e chucrut. Despregue de europeos altos, colorados e un pouco obesos. Vamos, que o tiña todo. No tren de volta ía apoiado na ventá. Vía o campo, que era ben bonito, así que pensei que aquel debía de ser o momento. “Agora ven, agora”, díxenme. No Instagram mirara miles de veces fotos coma o que estaba a vivir nese intre. Alguén no estranxeiro que aproveitaba o novo e enriquecedor ambiente para concibir unha reflexión de esas que rachan con todo. “Isto vai cambiar a miña vida. Eu de aquí teño que saír feito un señor” pensei.

Entón pasoume algo estraño: a reflexión esa non saía. Tratei de facer que arrancara, barullando frases do tipo “a vida é un instante”, “vivir mata”, “aproveita o momento” e demais highlights da adolescencia millennial. Aínda así non fun capaz de parir idea de valor algún.

Normal. Ao fin e ao cabo tampouco pasou nada realmente novo. Quero dicir, claro que ao viaxar un descobre cousas novas e aprende moito. Pero tampouco por iso ten que cambiar nada a miña vida. Claro que eu xa sabía que no mundo había xente co colesterol alto e cun peiteado diferente. Que algúns falan alto e outros baixiño. Que rezan a outros deuses e que anoitece máis tarde ou mais cedo ca en Compostela. Iso estaba claro. A partir de aí, vin cousas bonitas, pero pouco máis.

Se un se fixa un pouco parece que todo está repleto de reflexións profundas e absolutamente reveladoras. Pisas Francia e pouco máis e redescobres a gravidade. Hai un pedazo de luminiscencia e obxectividade en cada esquina na que se mire, sempre e cando esa esquina non sexa a da túa rúa. Nada de mediocridade. Non home non. Iso é cousa dos apegados, dos morriñentos.

O problema de que todo sexa glorioso é, precisamente, que non hai un nivel inferior en base ao cal conseguir a excelencia. É dicir: que todo se converte na mesma merda. Así que desconéctome dese xogo, lávome as mans. Collerei os bártulos, e irei á praia a pensar nas musarañas. No intrascendental. Farei castelos de area cos nenos, xogarei ás palas e comprarei pistolas de auga. Deixarei que sexan outros os que se mergullen todo o día ata atopar as perlas ao fondo. Perderanse ao atardecer. Só gritarán cando as saquen á superficie e correrán a vendelas. Non sei. Non creo que compense. Disque hai stock delas.

Román Aday
Román Aday
Opinar como deporte de risco.

Instagram: @nodisparenalredactor

Compartir artigo