Revista Punto

2018-11-09T17:59:47+00:00 Historias

Pedro Casaldáliga, o último profeta

Lisardo García Bueno (esquerda) con Pedro Casaldáliga e dous cámaras de TVE en 2005.
Lisardo García
Lisardo García8 Maio, 2018
Pedro Casaldáliga, o último profeta

Tódolos pobos teñen o seu mito orixinal, a súa xénese. Os indios karajás, habitantes da Illa do Bananal, a maior illa fluvial do mundo, no Mato Grosso brasileiro, tiñan o seu paraíso, o seu Beroká, no río Araguaia, en plena Amazonia. O seu mito conta que vivían dentro do río, no seu ventre, felices. Pero un día, a un indio karajá púidolle a curiosidade e saíu do Aragüaia para encontrarse co mundo do home branco. Cometeu o pecado orixinal e acabouse o paraíso… “Y ahí vinieron los problemas, la tierra invadida, el agua profanada, el contacto con el hombre blanco, las enfermedades, la dominación, lo que está pasando hoy a los pueblos indígenas de Brasil y de toda América.”

Isto contábamo en marzo do 2005 Pedro Casaldáliga, nun encontro tan desexado como impactante, o día da súa xubilación como Bispo de São Félix de Araguaia, cargo que exerceu durante 37 anos nesta localidade situada no máis profundo do Mato Grosso brasileiro. Alí chegou como misioneiro en 1968 e alí foi onde arriscou a súa vida testemuñando tanto a pobreza como a liberación dos máis oprimidos que son os indíxenas e os campesiños, vítimas do latifundio salvaxe que os terratenentes brasileiros impuxeron desde hai décadas na Amazonia. O pasado 16 de febreiro, Casaldáliga cumpriu 90 anos e en homenaxe a este poeta, profeta e bispo dos pobres, recompiláronse na plataforma en liña Academia.edu contidos de todo tipo sobre este personaxe único: toda a súa bibliografía, artigos, entrevistas, correspondencia, poemas, filmografía. Unha homenaxe que foi complementada con diferentes actividades, conferencias e mesas redondas en diferentes cidades españolas e de América.

Pedro Casaldáliga Plá, sacerdote claretiano nacido en Balsareny, Barcelona, no seo dunha familia labrega, chegou con 40 anos a São Félix encontrándose con un mundo descoñecido, maravilloso e cruel para facer posible o imposible: “Estábamos delante de lo imposible, civilizar un mundo, evangelizar un mundo cargado de riqueza, pero también de dolor y sufrimiento, porque el río Aragüaia es un río que baja lleno de agua pero también de sangre y de llanto…muchas guerras, luchas, la famosa guerrilla del Araguaia, la lucha por la tierra, la causa indígena, esa epopeya del pueblo sencillo.” En outubro de 1971 noméano Bispo da Diocese de São Félix de Araguaia, un territorio de 150.000 Kms 2. Na cerimonia deixa claro cal será a súa mensaxe pastoral ao cambiar o Báculo de bispo por un remo indíxena, a Mitra por un sombreiro de palla de campesiño, e o Anel episcopal por un feito cun pequeno coco chamado tucúm, que abunda na selva.

Para el, a vida dun bispo non valía máis que a dun pobre campesiño. Nos anos 70, en Brasil, como en moitos outros lugares de Latinoamérica, vivíase un clima de inxustiza social imposto polas ditaduras militares. A de Brasil amparaba aos terratenentes e aos gobernantes do Amazonas, que impoñían a súa lei na rexión a sangue e fogo para manter os latifundios. Casaldáliga sempre foi o seu inimigo: “El latifundio es un mal radical y crónico de Brasil y América Latina, es el mal número uno, por lo que significa de acumulación, de exclusión, de depredación, y de veneno… porque el latifundio está travestido de agronegocio, es un latifundio que arranca todas las riquezas del suelo y del subsuelo de nuestros países para pagar la deuda externa, para obedecer al Banco Mundial, exportación, exportación y exportación…nos de-san-gra-mos.”

As autoridades brasileiras intentaron expulsalo do país en cinco ocasións. Os terratenentes puxeron prezo á súa cabeza e intentaron matalo varias veces. Os seus colaboradores sufriron ameazas e algúns foron asasinados, como o xesuíta Joao Bosco, a quen a policía disparou confundíndoo con Casaldáliga. Nunca tivo protección e a súa casa nunca está pechada. El recorda sempre que “si quieren matarme pueden hacerlo en cualquier momento, tampoco mis campesinos están protegidos…”. Pedro Casaldáliga é un personaxe clave na creación de organismos como a Comisión Indigenista Misionera, para axudar e protexer aos indíxenas brasileiros, ou da Comisión Pastoral de la Tierra, para a defensa dos dereitos humanos dos campesiños sen terra. É un dos piares sobre os que se cimentou a ‘Teoloxía da Liberación’, corrente progresista da Igrexa latinoamericana dos anos 70 e 80, que se estendeu por todo o mundo. Este Bispo dos Pobres, como lle chaman moitos, foi candidato en varias ocasións ao Premio Nobel da Paz e ao Príncipe de Asturias da Concordia. Recibiu o premio pola Paz da Asociación para as Nacións Unidas, e outros galardóns e recoñecementos internacionais. Hai quen se atreve a dicir que representa a imaxe do santo do século XXI. “Yo agradezco esa canonización tan barata, yo lo que pienso, lo he escrito y repetido, es que un santo cuando es una persona pública, evidentemente tiene que ser un santo político, como en El Salvador lo fue Monseñor Romero, un santo político, un santo incómodo, un santo asesinado.”

Lisardo García Bueno con Pedro Casaldáliga (dereita) en São Félix de Araguaia en 2005.

Para Don Pedro, como lle chaman cariñosamente en São Félix, a vida está feita de detalles. Di incluso que “la muerte es el único detalle de la vida”. A gran ilusión de Casaldáliga sería “dar su muerte a África ya que no le pudo dar la vida”. A súa delicada saúde non lle permite acabar como misioneiro naquel continente, que era o que desexaba. Aos seus 90 años, o párkinson, a diabetes, a hipertensión e ter sufrido oito malarias, debilitárono, polo que continúa vivindo na súa humilde casa de São Félix, agora axudando como un simple sacerdote, escribindo e estando ao lado dos seus, os pobres, os excluídos, os desherdados.

Nas celebracións do seu 90 aniversario, tense dito de Casaldáliga que é o último profeta vivo, un cualificativo co que estamos seguros que Don Pedro se sentirá agradecido, pero un tanto incómodo, sobre todo, cando con gran sentido do humor, recoñece o que pensa de si mesmo: “No soy alegre ni triste, soy poeta.”

Compartir artigo