Revista Punto

2018-11-12T11:44:29+00:00 Lifestyle, Negocios

“O noso cliente ideal é unha muller de entre 30 e 45 anos de perfil urbano, preocupada pola súa alimentación e o medio ambiente”

Iago Radío, de Tés Paporroibo
Paula Vázquez
Paula Vázquez7 Novembro, 2018
“O noso cliente ideal é unha muller de entre 30 e 45 anos de perfil urbano, preocupada pola súa alimentación e o medio ambiente”
Iago Radío, de Tés Paporroibo

Iago Radío Rodríguez (Cambados, 1985) é o xerente de «Paparroibo: Tés e infusiones», tenda ecolóxica que comercializa té blanco, rojo, negro ou azul, así como infusións de froitas ecolóxicas chegadas desde China, India ou Sudáfrica…  “Importamos dos países de orixe onde cada variedade se dá mellor”, di Iago, o máximo responsable deste proxecto que comezou coa venta online a través dunha páxina web propia e Amazon, e agora xa ten presenza en tendas físicas de terceiros de diversos puntos de España, principalmente Galicia.

Desde cando se comercializan os Tés Paporroibo?

Comezamos hai algo máis dun ano, en xullo de 2017, aínda que a idea levaba na miña cabeza uns meses máis, xa cando estaba traballando en Leeds (Reino Unido).

Como xorde a idea de volver e emprender?

Unha vez a miña parella e mais eu decidimos que queriamos volver á casa e comezar a nosa propia familia, estivemos ollando a oferta laboral por aquí. Como nada nos convencía e o que tiña mellor pinta sempre acababa sendo fóra (País Vasco, Catalunya…) a idea de emprender comezou a gañar máis forza. Traballar por min mesmo sempre estivera na miña cabeza, así que, simplemente, acabeime animando.

Comercializades o tés de forma física e online. En cantas tendas estades presentes?

Si, temos unha páxina web, que é o noso método de venta directa (xunto con Amazon), e logo temos presenza en tendas de terceiros. Estamos en arredor de 50, principalmente en Galicia, pero tamén en Asturias, País Vasco, Navarra e Andalucía. Ademais, tamén adoitamos asistir a feiras ecolóxicas. Así, acabamos de estar en Biocultura Madrid 2018, a feira de produto ecolóxico máis grande de España.

Que método de venda sae máis rendible?

Máis ou menos o 50% dos nosos produtos vendémolos a través das tendas, o 30% a través da nosa propia páxina e o 20% restante en feiras.

“Estamos en contacto con algúns distribuidores do resto de Europa que se interesaron por nós”

Valorades a internacionalización?

Si, é algo que temos en mente, de feito estamos en contacto con algúns distribuidores do resto de Europa que se interesaron por nós. De todos xeitos, non é algo no que esteamos pensando a curto prazo.

A que público vos dirixides?

O noso cliente ideal é unha muller de entre 30 e 45 anos de perfil urbano que se preocupa pola súa alimentación e polo medio ambiente. Aínda así, tamén vendemos a moitos homes e persoas doutros tramos de idade.

Cantas variedades de té comercializades?

Agora mesmo, entre tés, infusións, infusións de froita e rooibos, temos 35 variedades. Estamos probando continuamente e, se algunha variedade que non temos nos gusta, acabamos incluíndoa e re-emprazando unha que teñamos que non saia tan ben. A nosa idea é ter unha selección exquisita quen non sexa excesivamente ampla. Non queremos fatigar ao cliente, senón poñerlle as cousas doadas.

Desde onde importades?

Os nosos tés e infusións veñen de China (té verde), India (té negro), Sudáfrica (rooibos)… importamos dos países de orixe onde cada variedade se dá mellor. A calidade é fundamental para nós. A pesares de vir de fóra, o proceso de elaboración está totalmente controlado polos organismos europeos pertinentes e, tamén, polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

“Imos sacar un pack de tés adaptados á cafeteira Nespresso para aqueles que teñen menos tempo, pero non queren renunciar a tomar un té de calidade e ecolóxico.”

De cara ao futuro, como evolucionará Tés Paporroibo?

A curto-medio prazo, interésanos sacar novos produtos. Por exemplo, estamos a piques de sacar un pack de tés adaptados para o seu uso en cafeteira Nespresso mediante unha cápsula re-utilizable para aqueles que teñen menos tempo pero non queren renunciar a tomar un té de calidade e ecolóxico. Para primavera, estamos traballando xa nunha nova liña de produtos, e máis a longo prazo, e como xa comentamos, a folla de ruta inclúe a internacionalización.

Compartir artigo