Revista Punto

2018-10-10T18:59:41+00:00 Cultura, Música

Pablo Castaño Quartet revisita o tradicional galego con “A-la-láa”

Miguel Estima
Miguel Estima10 Outubro, 2018
Pablo Castaño Quartet revisita o tradicional galego con “A-la-láa”

O último disco de Pablo Castaño Quartet, que foi presentado antes do inicio do verán, é un disco de concreción dun dos mellores saxofonistas de jazz de Galicia. E é nesa Galicia, a súa terra natal, na que se inspira para crear este disco A-la-láa, unha clara homenaxe aos cantos tradicionais do noroeste da Coruña. Este disco, o primeiro en solitario de Pablo Castaño, foi gravado no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Xunta o saxofón de Pablo Castaño está o vigués asentado en Nova York Yago Vázquez; no piano, o arxentino Demian Cabaud no contrabaixo, Iago Fernández na batería e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco, “Alalá do vento” e “Alalá da estrela e da lúa”.

Despois de ter participando en máis de dúas decenas de discos, o primeiro disco como como compositor de Pablo Castaño é o resultado dunha forte fusión entre o clásico e o contemporáneo, nun jazz que moitas veces foxe máis cara o tradicional e o folk, mesmo a editora é “A Central Folque”, o que mostra desde xa ese cariño pola historia do cancioneiro local. Con músicos dunha notable e recoñecida experiencia, os dous días de residencia e gravación no teatro, foron un desabrochar de emoción, nunha fusión moi agradable para o ouvido. É dese tipo de discos melancólicos, mais dunha melancolía doce. Para ouvir preferentemente no interior profundo de Galicia ou xunta o mar.

Compartir artigo