Revista Punto

2018-10-22T13:48:22+00:00 Axenda, Cultura

The Tibbs abrirá mañá a 8ª edición do Outono Códax Festival

Redacción
Redacción18 Outubro, 2018
The Tibbs abrirá mañá a 8ª edición do Outono Códax Festival

O Outono Códax Festival abre mañá venres a súa 8ª edición e faino co mellor do panorama retro soul internacional. The Tibbs, a banda holandesa convertida nunha das referencias obrigadas do xénero, protagonizará mañá a primeira gran cita co festival galego de música negra que un ano máis, baixo o patrocinio de Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, achegará a Galicia estilos como o soul, funk, rhythm&blues, boogie woogie ou o rock&roll clásico.

The Tibbs, unha das mellores bandas do retro soul actual, chegan por primeira vez a Galicia para abrir mañá venres o Outono Códax Festival. A formación holandesa, unha das referencias obrigadas do xénero, está capitaneada por Elsa Bekman, cuxa voz é comparada pola crítica internacional coa da inesquecible Janis Joplin.

Os neoiorquinos The Rad Trads abrirán a primeira gran cita do festival presentando o seu novo traballo cun dos abraiantes directos que os caracteriza e cos que xa conquistaron os escenarios de catro continentes.

O Outono Códax ofrecerá tamén mañá venres unha das súas sesións out (pequenos concertos gratuítos en espazos abertos da cidade). Se as condicións metereolóxicas non o impiden, o patio do restaurante Porta Faxeira (13 h) acollerá nesta ocasión o surf rock de The Manueles, banda galega que indaga neste particular estilo baixo os preceptos do que eles consideran o seu fundador, Manuel Freitas, emigrante de Beluso en California e creador do que The Manueles consideran “grupo xerme”, The Black Rinchas.

THE TIBS + THE RAD TRADS
Venres 19 de outubro
Sala Capitol (Santiago de Compostela)
Apertura portas: 20,30 h
Entradas: 20 euros (+gastos)
A Reixa Tenda (Santiago); Honky Tonk e Discos Elepé (Vigo); Discos Portobello (A Coruña); Peggy Records (Ourense) e Ataquilla.com, Ticketea.com e
Salacapitol.com.

Compartir artigo