Revista Punto

2018-11-20T17:44:48+00:00 Cultura, Talento

“Os retratos de Federica”

“El modelo no es más que un accidente, la ocasión. No es a él a quien revela el pintor; es más bien el pintor quien, sobre el lienzo coloreado, se revela”. 

Óscar Wilde (El retrato de Dorian Gray).
Lucía Carballeda
Lucía Carballeda6 Novembro, 2018
“Os retratos de Federica”

O cometido dos primeiros retratos da Historia era perpetuar a lembranza, non hai máis que recordar os sarcófagos exipcios ou as moedas romanas. Co tempo o seu obxecto foi mudando e as posibilidades creativas do artista quedaron libres de calquera encorsetamento. Así, retratos e autorretratos obedecen agora a intereses ben distintos, os ditados pola individualidade do propio autor. No fondo da galería Federica No Era Tonta pódese adiviñar esta pluralidade de intereses. Así, ao máis puro estilo Magritte, Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948) volve a espalda ao espectador, negándose a amosar a súa identidade e centrando a atención nunha paisaxe dividida, polarizada.

Tampouco Lara Torres (Rianxo, 1989) expón dun xeito fiel aos seus retratados, como evidencia a súa serie de Rostros Plegados. A artista desfigura os rasgos dos seus retratados coma se o lenzo fose un papel enrugado.

Nas tres dimensións, Iván Prieto (Ourense, 1978) apodérase das faccións, que pasan a converterse nun punto de partida para despregar a súa creatividade. Tal é a súa manipulación do modelo, que nalgúns casos o somete a diferentes interpretacións e acaba por xerar distintos personaxes.

Inacabada, así de modesta é a artista Lara Pintos (A Coruña, 1984) e así se autorretrata nunha das súas táboas. Alude, deste xeito, ao camiño que lle queda por percorrer como pintora.

Xurxo Gómez-Chao (A Coruña, 1960) leva o retrato ou a expresión autorreferencial do artista ás súas derradeiras consecuencias. Na súa peza Red Room unha bomba de fume parece escenificar o momento culmen dun truco de maxia. Con este artista o retratado desaparece de forma literal. ¿Acaso pode existir unha expresión maior de liberdade?

Compartir artigo