Revista Punto

2018-07-17T11:55:15+00:00 Opinión

Operación grega

Román Aday
Román Aday3 Xullo, 2018
Operación grega

Falar do corpo moitas veces é como camiñar por un campo de minas. Nunca sabes a quen vas a ofender ou que poderosas inseguridades podes tocar. E neste estado de ultraparanoia soviética o verán é o clímax desa tensión corporal.

O que máis me chama a atención é como o noso aspecto e a nosa imaxe (inclúome xa que do contrario sería un hipócrita) pode condicionarnos tanto a tantos. E por enriba de todo, tratándose, coma é, dunha cuestión meramente biolóxica. Un pode ir á Wikipedia e comprobar como unha serie de señores explicaron de maneira rigorosa e altamente fiable o proceso polo cal a comida que tomamos transfórmase en células de graxa que cobren o corpo. Probablemente conte con algunha ecuación que o demostre. É dicir, é algo amplamente analizado que non debería de sorprender a ninguén. E moito menos de avergonzar.

Aínda así, non me vou meter neste tema. Parece que redúcese todo a dous bandos: ou estar gordo é marabilloso ou é sinónimo da decadencia occidental. Unha cuestión case de instituto americano que reduciríase a o grupo dos xogadores de fútbol americano xunto cas animadoras e todos os demais. En todo ese debate aparecen os realfooder. Un movemento que avoga pola comida real e saludable, a de mercado de cercanías. Unha crucifixión en toda regra para os ultraprocesados e demais saturados do mercado. Evidentemente paréceme cousa boa iso de non comer merda (escribo isto mentres espero a que chegue o kebap que pedín para cear, porque podo ser hipócrita pero non falso). E eu estou a tope con esta xente. Obvio. Claro que é mellor o real e non a merda que che meten as multinacionais para deixar o teu corpo medio esmallado.

E aquí, precisamente, está o punto máis interesante. En falar só da saúde do corpo. É moi común ter vergoña do propio físico, cando moitas veces hai mil factores que poden influír en que non teñas un corpo espectacular. Un divorcio, agobios, dous traballos, pereza, ansiedade, pouco tempo, o que sexa. O corpo fofo castígase, pero a mente fofa pasa desapercibida. Non falo estritamente de ter máis ou menos cultura, xa que iso sería falar de oportunidades. Falo de que probablemente non estes a empregar o teu puto cerebro coma poderías e como este se merece. Un pouco de realthinking podería ser unha boa maneira de cambiar a túa situación, a túa vida, as túas perspectivas.

Por iso este verán voume pasar a operación bikini polos restos das ruínas gregas que quedan en Atenas. Vou crear unha imaxe de min mesmo absolutamente inabarcable. O ser humano perfecto, un tipo de puta nai. Unha mente san nun corpo san. Correrei a maratón, gañarei ao imperio, construirei un novo mundo dende cero. Bóvedas sobre as cabezas. Logo todo irase ao carallo como se vai sempre. Escribiranse libros sobre o asunto. Quedarán ruínas que o atestiguen, para os máis incrédulos. Probablemente non as do meu corpo. Tal vez sexa unha frase, unha idea. Unha intención. En fin, confiarei, tamén, no cerebro.

Compartir artigo