Revista Punto

2018-10-15T16:04:54+00:00 Opinión

O que hai entre o ceo e a terra

Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño2 Outubro, 2018
O que hai entre o ceo e a terra

O ser humano sempre estivo fascinado por contemplar o horizonte. O horizonte como liña de incerteza onde todo pode ocorrer, final e principio de algo ao mesmo tempo. Misterio inalcanzable durante moitos séculos e obxecto de conquista durante outros tantos.

Agora, esa fina liña non so é a unión entre o ceo e a terra, se non tamén do que o home inseriu entre ambos, a expresión plástica da súa propia condición: a arquitectura.

De aí que esta que as veces exprésase nesta condición limítrofe, teña que ser sensible  a ese binomio que a sostén por una banda e a eleva pola banda oposta.

Como creadora de horizontes, a arquitectura ten a responsabilidade de materializarse como parte desta incerteza, non ser definitiva, non ser finita, se non ser unha arquitectura do punto e seguido, na que a seguinte intervención, propoña unha continuación da historia que vimos contando dende fai séculos.

Deste xeito unha boa arquitectura e sensible o seu entorno, as súas raíces na terra, pero tamén ao magnetismo que empurra dela cara o ceo. É nese territorio de tensións opostas onde os grandes arquitectos demostran o seu xenio dando resposta formal a unha realidade oculta, unha especie de subestrutura preexistente que habita cada lugar. O lugar ten a resposta, o arquitecto intelixente plantexa a pregunta pertinente.

É todo unha cuestión de linguaxe. Dende a agresividade dos rañaceos, fincando os seus afiados dedos no ceo, ata a delicadeza case máxica das pallozas que semellan xogar coa súa envolvente nun diálogo perpetuo.

O chamado skyline, ou esa liña de artificio que esculpe novos horizontes é unha das maiores expresión e legados culturais que unha civilización deixa aos seus herdeiros. Como se dun electrocardiograma cultural se tratase, este pode ser convulso, picudo, reaccionario e agresivo como símbolo dunha civilización nova, pouco madura ou con afán expresionista, mentres que unha liña máis amable, discreta e integradora semella representar a experiencia e a calma que os séculos outorgan a un pobo.

Aínda que as veces un lugar pode ser definido por un berro, como pode ser o caso da Torre Eiffel, por norma xeral, a paisaxe que conforman as contornas das edificacións transmiten máis serenidade canto máis integradas se atopan coa paisaxe preexistente, cando a terra e a construción falan unha mesma linguaxe formal, volumétrica, cromática e material. É por iso polo que nos sentimos irremediablemente atraídos por esas pequenas agrupacións de vivendas tradicionais que agora con morriña desexamos recuperar por que forman parte case sen esforzo do lugar onde xurdiron. Isto non significa que a nova arquitectura non poida, e mesmo deba, romper moitas veces esa liña do horizonte, senón máis ben que, de facelo, ten que ser consciente do seu impacto no imaxinario xeral dun pobo.

Deste xeito, coidando o seu contacto coa terra, a súa liña de novo horizonte cara o ceo, e o seu carácter de paisaxe dunha historia inacabada, o obxecto acomódase sen ortopedias no seu novo leito. Unha arquitectura de horizontes infinitos.

Compartir artigo