Revista Punto

2018-10-22T13:49:09+00:00 Axenda, Cultura, Teatro

O FIOT máis millennial

Redacción
Redacción8 Outubro, 2018
O FIOT máis millennial

Un dos espectáculos das artes escénicas máis importantes da Comunidade galega, a XXVII edición do Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), que se desenvolve desde o pasado día 28 de setembro ata o próximo 31 de outubro en Carballo (A Coruña), exhibirá un total de 41 espectáculos e diferentes accións paralelas arredor da representación escénica.

Este ano, o festival xira entorno a tes eixos principais: a igualdade, o ocio e a incorporación dos mozos e mozas ao mundo do teatro.

Así, os organizadores teñen posta a mirada en atraer aos máis novos que naceron co cambio de século e que agora acadan a maioría de idade. Con este fin programáronse espectáculos sobre a mocidade actual, isto é, sobre os chamados “millennials” ou “xeración Z”.

O Fiot acollerá compañías das comunidades autónomas de Galicia, Castela e León, Cataluña, Madrid, País Vasco e Valencia, e tamén grupos internacionais chegados desde Arxentina, Guinea Ecuatorial e Suiza.

Así mesmo, o festival carballés tamén acollerá obras que están facendo as novas xeracións de actores, dramaturgos e directores.

Representacións de sala

O programa de sala, que xa arrancou o domingo 31 de setembro con “Somos Criminais” de Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, segue o 7 de outubro coa representación da obra “Future Lovers” do  grupo madrileño La Tristura, compañía considerada como unha das máis interesantes do teatro contemporáneo español.

A seguinte cita de sala, e unha das máis agardadas, será o día 11 de outubro con “Crimen y Telón”, dos madrileños Ron Lalá, unha homenaxe ao teatro universal da compañía que recibiu no ano 2016 o Premio do Público do FIOT coa obra “Cervantina” e que nunca deixa indiferente. Son xa uns habituais deste festival.

A representación de “Playoff” de La Joven Compañía, é unha das seleccionadas pola organización para dar un impulso ao público mozo e á posta en escea da igualdade como un dos eixos estratéxicos desta edición. Esta obra foi recoñecida co premio El Ojo Crítico de Teatro de Radio Nacional de España.

O 13 de outubro chegará á capital de Bergantiños outra das grandes protagonistas desta edición, a obra “Fedra” de Pentación Espectáculos. Unha peza que vén avalada por grandes críticas e que ten no seu papel protagonista a Lolita Flores. As entradas para ver este espectáculo esgotáronse logo dunha hora e media da súa posta en venda.

Dentro da programación de sala tamén se representarán as obras “PSS PSS” da suiza Compagnia Baccalá; “Iphigenia en Vallecas”, de Serana Producciones; “Commedia”, de Contraproduccións; “El Tratamiento”, de La Abucción e Buxman Producciones; “Un enemigo del pueblo”, de El Pavón Teatro Kamikaze; y “La Valentía”, da compañía Lazona.

Compartir artigo