Revista Punto

2018-04-10T14:04:28+00:00 Opinión

O cinema francés (II) *

Compartir artigo
Redacción
Redacción
5 Abril, 2018
O cinema francés (II) *

No teatro Robert-Houdin en París (que comprou en 1888) e na recta final do século XIX, Marie-Georges-Jean Méliès encantaba ao público francés cos seus números de maxia, cando asistiu ás primeiras presentacións públicas das películas dos irmáns Lumière e dos seus operadores. Non conseguindo mercar a cámara e o proxector a Louis Lumière, que lle dixo que o cine non tiña futuro, púxose mans á obra e adaptou persoalmente unha cámara que conseguiu mercar en Inglaterra, aplicando o seu talento como mago a medida que ía descubrindo posibles efectos en accidentes de proxección. Mentres pasaban os anos, os efectos de Méliès volvianse cada vez máis sofisticados e abrían un océano de posibilidades para a arte do cinema. Exposicións multiplicadas, asentos automáticos, escenarios rotativos e cheos de entradas secretas, mazmorras máxicas… O xenio de Méliès abriu o camiño aos grandes enxeñeiros cinematográficos, de Allan Dwan a Jacques Tati, de Buster Keaton a Pedro Costa.

A dobre herdanza dos Lumière e de Méliès foi moitas veces posta en cuestión, comezando por dicirse que os primeiros teriam inventado o documental e o segundo a ficción, recusando-se depois esa noción e dicindo que foi ao contrario, que a ficción estaba nos Lumière e o documental en Méliès (e lémbrese un diálogo de La chinoise (1967) de Jean-Luc Godard, no que a personaxe de Jean-Pierre Léaud remataba unha conversa preguntando “Que fai Méliès? Filmou a viaxe ata a lú. Filmou a viaxe do Rei de Iugoslavia ao presidente Fallières. Agora, podemos dicir, que eran verdadeiros acontecementos da actualidade. Pode parecer unha broma, pero é certo. Creou os eventos de actualidade. Recreou eventos da actualidade. Pero eran acontecementos de actualidade. Eu diria incluso que Méliès é brechtiano. Non se esquezan diso, era brechtiano.”), ata os dias de hoxe, cando se dirá que os irmáns pioneiros son a cabeza do cinema, onde está aloxada a alma, e Méliès o corpo, onde late o corazón. Dunha cousa non hai dúbida: debémoslles todo.

Quen son os fillos de Méliès, no cine? Jean Vigo, Sacha Guitry, Jean Renoir, Georges Franju, François Truffaut, Jacques Demy, Alain Resnais, Jean-Claude Brisseau, Léos Carax? ¿Quen son os fillos de Lumière? Jean-Pierre Melville, Godard, Robert Bresson, Éric Rohmer, Jacques Rivette, Jean-Marie Straub, Danielle Huillet, Marguerite Duras, Jean Rouch? A división terá sentido? Continuemos o noso percorrido …

Compartir artigo