Revista Punto

2018-04-09T19:39:36+00:00 Opinión

O cinema francés (I) *

Compartir artigo
Redacción
Redacción
5 Abril, 2018
O cinema francés (I) *

En xullo de 1895 estréase en París La sortie de l’usine Lumière à Lyon. Hoxe sábese que hai varias versións e que a que constituíu a primeira exposición pública de cine, polo menos en Europa, se perdeu. Consérvanse dous fotogramas. O descubrimento da existencia desas varias versións permitiu demostrar categoricamente que os irmáns non filmaban só o habitual minuto para documentar a vida urbana ou os hábitos cotiás. Filmábano despois de atopar o mellor ángulo para describir movementos de persoas, coches, cabalos e gravaban tamén eses movementos, non con transeúntes incautos, pero si con colaboradores conscientes do que estaban facendo e con instrucións para facelo. Véxase a versión máis coñecida de La sortie, na que a gradación do movemento está pensada para conter en poucos segundos a de tódolos empregados, primeiro completamente amontoada e despois máis dispersa, e o peche das portas da fábrica onde traballan. É unha produción progresiva dos traballadores para sintetizar e representar a saída de tódolos traballadores, en Lyon e no resto do mundo. Louis Lumière foi o responsable destes filmes e ata se pode dicir que é o primeiro director da historia do cine, cos talentos e valías que se supón que deber ter un director.

En 1968, Henri Langlois (cofundador de Cinemateca Francesa xunto co realizador Georges Franju e o crítico Jean Mitry) e Jean Renoir (cineasta maior do cinema francés) sentáronse con Éric Rohmer para discutir a herdanza dos Lumière en Louis Lumière, película feita por Rohmer para a televisión francesa e producida polo Institut pédagogique National, a Cinemateca Francesa e a Télévision Scolaire. Nese filme, unha auténtica lección de cine, desentérranse memorias que poñen en cuestión a validez supostas invencións e novidades contemporáneas (tanto dos anos sesenta como do noso século), proclamadas ao desbarato por quen non quere nin nunca quixo mirar atrás para atopar o que hai de vibrante nunha certa arte e que aínda nos pode ensinar leccións prácticas moi fermosas a día de hoxe.

A mise en scène, problema encarado e estudado pola Nouvelle Vague francesa, xa era un problema para Louis Lumière e a súa obra e dos seus asistentes inspiraría dalgunha maneira sobre todo o cinema francés (e non só, como é obvio), de Georges Méliès a Jean-Claude Brisseau, pasando por Jean Vigo, Renoir, Jacques Rivette, Rohmer, etc.

Méliès, impresionado coa invención dos Lumière, que non lle quixeran vender ningunha das súas cámaras, moveu fíos e fondos e creou a Manufacture de Films pour Cinématographes, canalizando o seu amor pola maxia e pola fantasía en marabillosas curtametraxes.

Compartir artigo