Revista Punto

2018-09-19T19:23:43+00:00 Cultura, Fotografía, Radar

“Nueva Galicia” premiado en PhotoEspaña 2018

Paula Vázquez
Paula Vázquez4 Setembro, 2018
“Nueva Galicia” premiado en PhotoEspaña 2018

O fotógrafo galego Iván Nespereira (Ourense, 1978) recibiu este ano o galardón ao Mellor Libro de Fotografía, na categoría de autoeditado, que cada ano entrega PhotoEspaña, pola súa obra Nueva Galicia.

O traballo Nueva Galicia rexistra o rastro de dous movementos. Por unha parte, o da árbore do caucho, no que 70.000 sementes foron transportadas desde Brasil a Inglaterra polo explorador británico Henry Alexander Wickham a bordo do barco Amazon Ship en 1876, o que permitiu que a especie se expandira por todo o mundo. Pola outra, o de un grupo de europeos que migran ao Amazonas atraídos polo auxe económico que xerou a extracción do caucho entre 1850 e 1920, e que botan raíces en diferentes poboacións á beira do Río Amazonas.

A investigación de Nespereira explora o pasado e os conflitos que xurdiron a partir destes dous movementos, rexistrando xogos de poder, conspiración e traizóns nunha paisaxe concreta. Na obra aparecen fotografías, mapas, apuntes xeográficos, manuais técnicos, manuais de cultivo, informes xeolóxicos, documentos de identificación de migrantes e arquivos familiares.

Perfil do artista

Iván Nespereira traballa como fotógrafo e realizador freelance no ámbito da publicidade desde o ano 2002. Ademais, dedícase a desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación, e onde a fotografía e o vídeo son as principais ferramentas que emprega. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, Bogoshorts ou Play-Doc, así como exposta no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre Photobook, Dispara e Fotomuseo Cuatro Caminos. Tamén ten colaborado con cineastas como Pela del Álamo (N-VI), Vicente Vázque e Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#3).

Compartir artigo