Revista Punto

2018-09-11T20:40:17+00:00 Cinema, Cultura, Opinión

Non parece unha película galega

Pablo Dorado
Pablo Dorado5 Setembro, 2018
Non parece unha película galega

Un dos cualificativos  máis trillados e que é case unha ofensa cando se quere eloxiar un filme galego é o horrible “non parece galego”. (Regra extensible para películas de calquera outra procedencia). Normalmente o que quere dicir é que esa película, en realidade, o que parece é americana.

Sen embargo, ao falar de Mimosas (2016) de Oliver Laxe, non queda outro remedio pero non por ter unha factura similar ás producións de Hollywood senón polo insólito do filme (e de toda a súa carreira por extensión) e porque é absurdo tentar limitalo a un certo país ou tradición cando do que estamos a falar e de cinema no senso máis universal da palabra e así llo recoñeceu o Festival de Cannes co premio da crítica.

É moi complicado falar de Mimosas cando, ao mesmo tempo, é unha película moi sinxela. Protagonizada por actores non profesionais (aínda que Shakib Ben Omar xa aparecera no 2010 en Todos vós sodes capitáns e ata acadou diferentes premios internacionais) e filmada sen demasiado diálogo en darija (conxunto de dialectos do árabe falados en Marrocos) narra a viaxe de tres personaxes a Sijilmasa para levar xunto á súa familia a un Cheikh (ancián) moribundo atravesando as montañas do Gran Atlas. Foi definida pola crítica coma un “western metafísico” e aínda que si hai moitas referencias e similitudes cas películas do oeste, da unha idea bastante equivocada do que en realidade propón. Tampouco serve de moito comentar o argumento xa que é totalmente secundario e subxectivo. Esta sinxeleza no formal non quere dicir que sexa unha película doada ou con pouco sentido ou mesmo cunha única lectura xa que é precisamente todo o contrario. A aparente lentitude e a constante recreación nas marcianas paisaxes do Atlas, retratadas cunha fotografía simplemente perfecta, son unha invitación para a reflexión sobre as diferentes cuestións que o filme suxire malia que está aberto a case calquera tipo interpretación.

A película estrutúrase en tres partes, cada unha denominada cunha das tres posturas que os musulmáns adoptan nas súas oracións. Esta estrutura non é por capricho xa que corresponde a unha das moitas metáforas que a cinta propón. Neste caso fai referencia ao dobre viaxe dos protagonistas, exterior, a través das montañas nas peores condicións, e o interior, o tránsito persoal que pode ser aínda máis duro. Ao igual que o crente musulmán move o seu corpo segundo unhas estritas regras mentres recita as súas oracións para mellorar como persoa, os protagonistas de Mimosas fan exactamente o mesmo. Importante lembrar, e Oliver Laxe sábeo moi ben xa que despois de dez anos en Marrocos é un gran coñecedor da lingua e da cultura, a palabra “Islam” significa submisión aínda que non do xeito que a entendemos en occidente. É unha submisión non imposta nin adoptada, como se dunha disciplina de adestramento se tratase, senón aceptada voluntariamente como algo natural desde o máis profundo da fe.

Quizais esa sexa a maior dificultade que formula esta película, a falta de preguntas e explicacións porque todo é aceptado con naturalidade e inocencia cando estamos máis acostumados a personaxes que se cuestionan cada paso que dan na historia. Pero ao mesmo tempo é a oportunidade que nos dá Mimosas, deixarnos levar e absorber por esas paisaxes hipnóticas durante pouco máis de hora e media e entender o que queiramos entender. Por suposto que non gustará a todo o mundo, pero dende logo que non deixará indiferente a ninguén.

Sobre o autor

Tudense exiliado na cidade de Bernard Shaw. Paso o tempo vendo moito cine, lendo e, ás veces, ata escribo sobre iso.

Compartir artigo