Revista Punto

2018-08-10T09:13:56+00:00 Opinión

Non deixes de crer en Nicolas Cage

Pablo Dorado
Pablo Dorado7 Agosto, 2018
Non deixes de crer en Nicolas Cage

Ao mellor deixades de ler se vos digo que Nicolas Cage é un dos mellores actores vivo, pero non podo estar a falar máis en serio. Esa estendida opinión de que o mellor que fixo na súa vida foi aparecer nunha canción de Amaral non pode estar máis errada.

Si. É certo que protagonizou algunhas das peores pelícluas da historia do cinema e que non é Daniel Day Lewis (ignoremos Nine). Outros levan case a mesma cantidade de desastres e se lle respecta moito máis. Entón, ímonos esquecer por un intre de acenos, tics e extensións capilares de dubidoso gusto para lembrar algúns dos momentos clave da súa carreira.

Comezou a comezos dos anos oitenta protagonizando algunhas comedias nada destacables malia que o seu tío Francis Ford Coppola deulle un pequeno papel na estupenda e non suficientemente coñecida Rumble Fish de 1983. Eses traballos valéronlle a primeira oportunidade para un papel completamente dramático. Foi un ano despois con Alan Parker en Birdy (1984), un filme sobre as consecuencias psicolóxicas da guerra de Vietnam no que interpretaba ao mellor amigo do protagonista, Matthew Moddine. Acadou boas críticas que o levaron xa case sempre como protagonista durante os seguintes dez ano, por filmes de todo tipo dos que cabe salientar Wild at Heart (1990) de David Lynch e, sobre todo, Vampire’s Kiss (1989), unha das miñas favoritas. Esta última é unha pequena película non demasiado coñecida no que Mr. Cage interpreta a demencial proceso de transformación dun executivo en vampiro. O director Robert Bierman deulle carta libre para xesticular por primeira vez na sua carreira e o resultado é magnífico. Ademáis de ser un filme hilarante e estraño, atrévese a criticar ese mundo de yuppies engaravatados e materialistas alén do que Oliver Stone fixera en Wall Street (1987) e que é un claro referente do Richard Bateman de American Psycho.

Hai que parar en 1995 porque é o ano 0 de Nicolas Cage. Nese ano o australiano Mike Figgis dirixe Living Las Vegas, a historia dun guionista de Hollywood fracasado en tódolos aspectos posibles que decide matarse bebendo na cidade dos casinos pero coñece a unha prostituta coa que comezará unha breve relación. A película en si mesma está un tanto sobrevalorada e a interpretación de Cage caricaturiza aos alcohólicos, pero valeulle o Oscar ao mellor actor principal dese ano.

A partir dese intre comezou a lenda. Agora xa non só lle ofrecían papeis protagonistas senón que protagonistas de blockbusters de acción como The Rock (1996) ou Con Air e Face Off ámbalas dúas de 1997. O peor de todo é que durante bastante tempo funcionaron en taquilla mentres que as poucos pero moi bos papeis que fixo neses anos foron un absoluto desastre. O mellor exemplo Bringing Out of the Dead (1999) de Martin Scorsese, filme incomprendido no que as caras de Nicolas interpretando ao conductor de ambulancias insomne transmiten un nivel de angustia que encaixan á perfección co ton alucinado e sucio de toda a película. Curiosamente, dez anos despois protagonizou o remake de Bad Lieutenant de Werner Herzog e aínda que as tiña todas para ser un completo fracaso, pode considerarse un dos seus últimos grandes papeis.

Volvendo ao comezo do século vinteun, aínda considerado unha estrela que é quen de encher os cines con pouco máis que seu nome, atreveuse a traballar con Spike Jonze e Charlie Kauffman que lle deron un doble papel  en Adaptation (2002). Dous xemelgos antagónicos aos que interpreta con bastante economía de xestos, bueno, os necesarios, non esquezamos que estamos a falar de Nicolas Cage.  O resultado foi unha marabillosa historia na que se misturan dúas liñas narrativas e que se non acadou un maior éxito comercial foi porque as películas de Jonze, polo xeral, non son para o gran público aínda que contes con Cage e Meryl Streep.

Os anos seguintes foron unha combinación de fracasos en películas con grandes orzamentos e grandes directores coma World Trade Center (2006) de Oliver Stone e malas decisións coma Bangkok Dangeorus (2008) que o levaron a inaugurar o que súa época Netflix. Si, nos últimos dez anos protagonizou unha morea de películas de escasa calidade case indistinguibles entre si e que acabaron facendo bulto no catálogo do distribuidor destinadas a ser consumidas en tardes de resaca e noites de insomnio. Hai algunha excepción honrosa coma o traficante de armas Lord of War (2005)  e o adorable pai homicida da salvaxe a divertida Mom and Dad  (2017) pero en xeral foron uns anos nos que perdeu tanto o respecto profesional coma a forza na taquilla.

Este ano anunciou que non tardaría en deixar a interpretación en tres ou catro anos, pero os que aínda confiamos nel, agardamos a estrea de Mandy (2018) ansiosamente. Nicolas Cage facendo de leñador que quere vingar á súa namorada asasinada por unha seita satánica, todo dirixido cunha estética de videoclip heavymetal polo fillo do director de Rambo 2, que pode saír mal?

Compartir artigo