Revista Punto

2018-07-03T14:15:21+00:00 Patrimonio, Rexión

Unha paisaxe fortificada: no confín dos verdes castros

Ángel Concheiro
Ángel Concheiro3 Xullo, 2018
Unha paisaxe fortificada: no confín dos verdes castros

Pode que o título pareza ambicioso, pero, en realidade, algo houbo. A finais do primeiro milenio antes da nosa Era, as galegas e galegos vivían nunha paisaxe distinta á nosa. Estaba dominada por centos de asentamentos fortificados. Moitos deles eran enormes, esbozos de auténticas cidades, mentres outros só formaban pequenas granxas cercadas, pero todos eran moi visibles e dominaban amplas perspectivas.

Cheguei á arqueoloxía por paixón e moia xente aínda me preguntan a razón pola que gran parte da miña traxectoria profesional vén unida a estes coñecidos depósitos arqueolóxicos. A resposta resulta evidente e só hai que ollalos: son espléndidos. A súa escavación revela que neles habitaron comunidades de labregos, gandeiros e artesáns. cheos de xente talentosa e dinámica, as “sociedades sen medo”, como me gusta chamalas, abertas a estímulos exteriores, sincréticas e combativas. E, por si fora pouco, ningún castro é igual a outro, pero todos contan unha gran historia.

Nas Barreiras de Ogas, en Vimianzo, no soportal da Costa da Morte, atópase un dos castros máis atípicos e rechamantes de Galicia. Os seus construtores escolleron unha chaira diáfana, fuxiron dun lugar estratéxico e de doada defensa, como mandaban os manuais da época. Levaron a cabo unha obra descomunal, aí, nos comezos da Segunda Idade do Ferro, e fixérona pensando que se ían quedar para sempre. Pero non prosperaron. Cando esta parte de Galicia, os dominios dos Nerios, os Brigantinos e os fantásticos Ártabros se integra no Imperio Romano, o asentamento das Barreiras facía anos que xa só era un recordo. Ninguén vivía nel.

Castro de Baroña, ao que a miña vida profesional sempre estará xunguida, é outro caso moi significativo e un capítulo máis neste discurso. Poucos son os galegos que non se achegaron a el algunha vez, impactados diante do seu aspecto esplendoroso: unha verdadeira acrópole mariña, unha diminuta Micenas emborcada no Océano. Pero, sorprendentemente, non sempre foi así. As escavacións levadas a cabo dende o ano 2012 revelaron que o xacemento non só foi orixinalmente máis extenso, senón que tivo unha vida complexa e sincopada. Por algunha razón especial, ese lugar, na enigmática e afastada Punta do Castro, no Porto do Son, foi escollido para erguer un poboado fortificado arredor do século V antes da nosa Era. Prosperou, ata tal punto que vivendas e outras edificacións encheron todo o espazo dispoñible. E, ao contrario das Barreiras, quedáronse. Pero tiveron medo. Nos derradeiros anos da súa existencia como poboado, acometeron unha obra descomunal: forraron o poboado cunha coiraza de pedras ciclópeas. Pecháronse e agardaron o seu destino. Pero, a quen esperaban?

San Cibrán de Lás, en San Amaro, Ourense, é outra das miñas debilidades. Como as Barreiras, agraria e verde, e Baroña, un verdadeiro promontorio fortificado, está acubillado por un cinto fortificado. Pero resulta moi distinto, non si? Eu entendo á Cidade de Lás como o terceiro chanzo desta historia marabillosa. A culminación dun camiño empezado centos de anos antes. Unha auténtica cidade indíxena que mesmo chegou a prosperar en Época Romana.

Os castros, tan variados e diferentes os uns dos outros como as aldeas actuais, dous mil anos despois seguen dominando a paisaxe galega. Tal foi a súa importancia e potencia. E nunca o esqueceremos. “Confín dos verdes castros” é como se coñece a esta proa da Europa Atlántica no Himno Galego, escrito en 1890, moito antes de que ningún destes asentamentos fose escavado. Porque aí estaban, ergueitos e orgullosos, dominando a paisaxe do país que construíron.

Compartir artigo