Revista Punto

2018-09-25T10:28:30+00:00 Patrimonio, Rexión

Nemesis: os foxos do lobo

Ángel Concheiro
Ángel Concheiro4 Setembro, 2018
Nemesis: os foxos do lobo

Hoxe en día o monte galego semella un inmenso deserto. Pero todo ten un inicio: unha vez colapsado definitivamente o complexo agrario tradicional galego, ao pouco de comezar a segunda metade do século pasado (unha data extraordinariamente serodia, incluso para canons non europeos), a actividade humana afastouse deste espazo tan singular e tan propio da paisaxe campesiña histórica. Como resultado o monte é hoxe un gran bastidor abandonado, unha superficie enorme dedicada ao monocultivo forestal. Pero non sempre foi así, incluso nos lugares máis agrestes e remotos. Para a sociedade campesiña do Noroeste peninsular, un complexo cultural de clara tradición medieval, o monte foi fundamental no seu sistema económico, por iso explotouse dun xeito claramente extensivo. Na súa época de esplendor era un lugar vivo, cambiante e moi dinámico.

Pero non nos imos a referir ás estivadas, rozas e pastoreo de verán, traballos estacionais que deixaron fonda pegada na paisaxe, na memoria e no ADN dunha sociedade que un día foi campesiña. Ademais deses usos puramente económicos, o monte tamén foi o escenario doutras actividades que entran no ámbito do simbólico e do social. Unha das máis rechamantes foi, sen dúbida, a caza comunitaria do lobo. Este acontecemento era algo realmente extraordinario: periodicamente, e de xeito colectivo, a xente das aldeas levaba a cabo auténticas razzias polo seu monte en busca dos lobos. O obxectivo estaba claro: atopalos e exterminalos. Nesta aventura, certamente cruel e na que se  cumpría, punto por punto, o plan dun progromo centroeuropeo clásico, participaba toda a comunidade, independentemente do seu sexo e da súa idade. O sistema de captura era sinxelo e nada sofisticado. Baseábase  na localización das lobas e as súas familias e na súa posterior condución ata unha trampa. Unha vez capturados, empregando o acoso e o medo, os animais eran executados, paseados por camiños e corredoiras e logo exhibidos como triunfos por aldeas, casais e lugares.

“Correr ao lobo”, que era como se chamaba este tipo de caza comunal por acoso, deixou como pegadas unha memoria que se esquece e, sobre todo, as trampas, os chamados “foxos do lobo”. Estas construcións eran enormes estruturas arquitectónicas, duradeiras e monumentais, feitas a unha escala colosal. Consistían en dous longos muros de cachotería que converxían, a xeito de funil, nun gran burato, o “foxo”, delimitado e protexido por altos muros de pedra, as “sebes”. Seguindo a práctica de caza da que falabamos, unha vez que se  agrupaba á manda de feras entre as sebes, os lobos xa non tiñan ningunha oportunidade. Só era cuestión de tempo. Acosados por medio de berros, fachos e unha multitude enfebrecida, virtualmente presos do pánico, os animais caían no fondo do foxo, unha trampa da que era imposible saír. Aí dentro, desgraciadamente, a súa sorte xa estaba botada.

Moitas destas trampas, testemuñas mudas dun tempo moi distinto ao noso, subsisten esquecidas nos montes galegos. Nós tivemos a sorte de recuperar un dos foxos mellor conservados de Galicia, o do “Campo da Corrida”, na fermosa parroquia de Carballedo (Cotobade), e podo asegurar que foi unha experiencia única.

Non hai dúbida de que aquelas persoas, mulleres e homes ancorados á terra, participaban activa e voluntariamente na caza das lobas. Pero do que non se decataban era de que levaban centos de anos pelexando duramente cunhas rivais á súa altura: elas habitaban nun mundo moi distinto do que os labregos gozaban nas súas veigas de porta. As comunidades campesiñas nunca deixaron de velas sociables e listas, case un alter ego do seu propio grupo familiar. Ademais, as lobas nunca fuxían, pero eran moi precavidas, ollaban de lonxe e esperaban o seu momento. A súa silueta, recortada nos amplos horizontes das serras galegas, tiña que ser espectacular. Por si fora pouco, á xente do monte gustáballe o gando miúdo, o tesouro do labrego, e devecía por el.

Séculos despois, visitar as ruínas dun foxo do lobo, un elemento patrimonial de primeira orde, segue sendo algo impresionante. Véxoo aí, ao foxo de Paraños, inzado entre os carballos do monte de Carballedo, e sei que estou diante dunha sinatura para a eternidade: a que deixou unha comunidade campesiña na súa loita, levada ata o extremo, contra as donas do monte. Arquitectura dunha Nemesis: a vinganza da xente das agras.

Compartir artigo