Revista Punto

2018-07-16T11:12:32+00:00 Personalidades, Política

Nelson Mandela

A última entrevista
Lisardo García
Lisardo García3 Xullo, 2018
Nelson Mandela
A última entrevista

Nelson Mandela achegábase a nós cunha mirada limpa, no seu rostro un sorriso imborrable, lentamente, con pasos dun xigante renqueante, polo corredor do hotel no que o entrevistamos. Ao seu lado, a súa asistenta persoal e muller de máxima confianza servíndolle de apoio, Zelda La Grange, a muller afrikáner que descubriu en Mandela o verdadeiro sentido da palabra reconciliación. Eses metros entre o xigante africano e nós, foron eternos, un percorrido emocionante e único que permanece vivo e inquebrantable na miña memoria. O embaixador sudafricano en Madrid, pediranos que permaneceramos quietos ao final do corredor sen interromper a parsimonia do gran xefe ao camiñar. Seguramente a intención do diplomático era que non filmaramos as súas dificultades para moverse. Naqueles momentos, Mandela tiña 85 anos.

Ao escribir estas liñas venme á memoria a frase de Gabriel García Márquez: “La vida no es la que uno vivió sino la que uno recuerda y cómo la recuerda para contarla”, e eu agora recordo aquel encontro con Mandela como un tempo interminable invadido de recordos vividos en Sudáfrica para a realización de aquela reportaxe: as verdes praderías do Transkéi polas que correteaba o pequeno Rolihlahla; a cela número 5 da prisión de Robben Island onde Mandela non deixou de soñar cunha Sudáfrica reconciliada; as lápidas interminables de xoves vítimas do sida no cemiterio de Guguleto, barrio marxinal de Ciudad del Cabo e os 200.000 orfos que deixaron como legado e que nos fixeron chorar; o Premio Nobel da Paz Desmond Tutu e a súa Comisión da Verdade e a Reconciliación; o ambulatorio de Khayelitsha; o dourado atardecer de Cliffton, o barrio más luxoso de Africa; a humilde casa de Mandela no barrio de Soweto dominado polas recoñecibles chemineas grafiteadas da central eléctrica de Orlando onde os nenos xogan con latas sen perder o sorriso en homenaxe á represión sufrida polos seus antepasados durante o Apartheid. Recordos vividos entre os que non podo esquecer os rostros dos membros que integrábamos o equipo do programa En Portada de TVE (Guardiola, Frean, Luc e un servidor), rostros de frustración no aeroporto de Johannesburgo o día que tomamos o voo de regreso a Madrid en abril de 2004. Porque despois de dezasete días de rodaxe en Sudáfrica, volvíamos sen o fundamental, sen a entrevista con Nelson Mandela. “El Legado de Mandela” é a reportaxe inversa: a nosa intención era primeiro entrevistar a Mandela e despois gravar material para a realización da reportaxe, pero ao final tivemos que facelo ao revés.

A entrevista con Mandela estaba prevista para os días que durou a rodaxe en Sudáfrica e foi imposible xa que Mandela estaba retirado da escena política e negábase a conceder entrevistas. Pero a perseveranza deunos o seu premio o 23 de maio de 2004. Curiosamente realizámola en Madrid, nunha suite do hotel Ritz, onde o líder sudafricano encontrábase aloxado tras ter asistido como invitado á voda dos Príncipes de Asturias que se celebrara unhas horas antes. “La vida recordada”, lévanos de novo ao hotel onde estamos a punto de saudar a “la figura más relevante del planeta” como o definira uns días antes a sudafricana Nadine Gordimer, Premio Nobel de literatura, na entrevista que lle fixemos no xardín da súa casa en Johannesburgo para a nosa reportaxe de En Portada.

 

E de repente tivémolo ante nós estreitándolle a man, a mano dun xigante cuxa presenza física inundaba de bondade o ambiente. Unha man grande, algo inchada, pero cuxo contacto transmitía unha descarga de enorme humanidade. Eu sei que os catro presentes -redactor, realizador, cámara e técnico de son- sentimos iso. Logo empezou a entrevista. Unha entrevista condicionada polo guión da reportaxe que xa tiñamos filmado, o que nos obrigaba a centrarnos nuns temas e a descartar outros, intentando que non se notara demasiado que nos quedábamos con ganas de preguntarlle mil cousas máis. A pesar de que o encontramos minguado fisicamente pola idade, as secuelas da tuberculose que padeceu nos anos do cárcere e o cáncer de próstata, Mandela fixo gala do seu sentido do humor cando, ao rematar a entrevista José Antonio Guardiola, director de En Portada, lle preguntou si chegara o momento de descansar. E respondeu: “Si de min dependera, xa estaría descansando, levaría descansando os últimos cinco anos, pero a xente como vostedes, que me chaman para solicitar entrevistas, logran que me resulte moi difícil descansar…”

Foise sorrindo. Con ese sorriso que segue sendo o sorriso de África. Aquela entrevista que costou tanto, deunos unha recompensa moi grande. Foi a última entrevista que concedeu a un medio de comunicación. Despois, Nelson Mandela nunca máis concedeu unha entrevista en exclusiva.

Compartir artigo