Revista Punto

2018-11-07T18:21:13+00:00 Cultura, En Destaque

A comunidade de mulleres emprendedoras de Galicia e norte de Portugal

Mulleres Atlânticas
Paula Vázquez
Paula Vázquez6 Novembro, 2018
A comunidade de mulleres emprendedoras de Galicia e norte de Portugal
Mulleres Atlânticas

Emprender non é fácil, e moito menos se es muller e o fas en solitario. Por isto, comunidades como Mulleres Atlânticas fanse cada vez máis precisas, un proxecto creado para poñer en valor o papel da muller autónoma galega e portuguesa, e darlle o poder a aquelas que aínda non se senten seguras en sectores onde predomina o xénero masculino. Detrás desta idea atópanse Gabriela M. Otero Magalhães e María Gómez Domínguez, aínda que “agora xa somos unha equipa de emprendedoras remando forte”, comentan. Falamos con elas.

Como nace Mulleres Atlânticas?

Mulleres Atlânticas nace tomando un café e falando sobre o papel que xogan as mulleres emprendedoras en Galicia, comunidade con maior porcentaxe de autónomas de toda España, e dato non percibido pola maioría. Soñamos con crear espazos onde darnos voz e visibilidade, e aproveitando a nosa localización xeográfica buscar un diferencial engadido como é traballar coas nosas veciñas, as emprendedoras portuguesas, bañadas polas mesmas augas do Atlântico.

Quen se atopa detrás desta idea?

Todo empezou sendo dúas, Gabi Otero e María Gómez, pero agora xa somos unha equipa de emprendedoras remando forte entre as que se atopan diferentes perfís de profesionais dedicadas á fotografía, ao vídeo, ao xornalismo, á avogacía… etc.

Como vos estruturades?

Intentamos dividir as tarefas segundo as nosas área profesionais pero, ao final, sempre rematas facendo un pouco de todo, e dándolle sentido a iso da ‘muller orquestra’. Agora mesmo, Gabi encárgase da imaxe corporativa e da organización de eventos, ademais de compartir con María a parte máis administrativa e a coordinación do resto de tarefas e profesionais do equipo. María leva a parte da estratexia de marca, a comunicación e o marketing. Andrea Valencia bótanos unha man coas reportaxes e os textos para redes sociais, Caribay axúdanos coa protección da marca e os seus datos, así como a implementar as automatizacións de newsletters, e Tatti cos aspectos legais e acordos de colaboración. Ademais, contamos co apoio de Susana e Andrea, para a fotografía e o vídeo nos eventos, respectivamente.

Que significado ten para vós pertencer a unha comunidade de emprendedoras?

Significa moitas cousas pero en resumo sentirse apoiada polas demais, darlle visibilidade a proxectos, aprender unhas das outras, medrar profesional e persoalmente… Pero, sobre todo, poñer en valor o papel da muller e empoderar a aquelas que aínda non se senten seguras en sectores onde predomina o xénero masculino.

A fin de semana do 13 e 14 de outubro organizastes o primeiro evento Creadoras Atlânticas na provincia da Coruña. É complexo organizar un encontro destas características?

Foi o primeiro evento organizado en colaboración con outra entidade, neste caso as rapazas que xestionan as Galerías San Agustín da cidade herculina. A constitución dun encontro deste tipo é complexo, sobre todo á hora de elixir as datas, pois existe moita oferta de actividades e ao final tes que encontrar o oco que mellor poida funcionar para o público ao que te dirixes. Tamén é complicado o feito de batallar con esa “inseguridade” ou ese “medo” que senten algunhas emprendedoras a falar en público, e iso nótase nas inscricións en certas actividades. De tódolos xeitos, sempre dicimos que paga a pena, porque aínda que custe traballo e esforzo a organización, as emprendedoras que asisten marchan contentas e cheas de ganas de repetir e de coñecer a máis semellantes. E iso, a nós, énchenos de enerxía.

Cantas prazas se ofertaron? Que requisitos deben cumprir as participantes?

Neste caso particular tivemos que adaptarnos aos espazos cos que xa contaban as rapazas de San Agustín e que elas mesmas xestionaron, eran arredor de 20 stands. Logo, para cada actividade que programamos había lugar para entre 15 e 20 emprendedoras. Non fomos moi precisas cos requisitos, coa nosa comunicación xa diriximos un pouco este aspecto, pero o que sempre dicimos é que a comunidade está dirixida a emprendedoras e potenciais emprendedoras. Se teñen un proxecto mellor, pero non é obrigatorio, porque entendemos que precisamente na fase de xestación dunha idea ou proxecto é cando máis impulso se pode necesitar.

‘Das preguntas máis soadas está se estamos centradas nalgúns sectores ou actividades específicas, para a cal a resposta é non’

Como se desenvolveu? Que é o que máis preguntan as emprendedoras?

O evento estivo moi ben, foron varias as emprendedoras que se achegaron a preguntarnos información sobre a comunidade e que se animaron a participar nas actividades, encontrándoas enriquecedoras para os seus proxectos. Tamén, no caso das participantes con stand, tiveron a oportunidade de contarnos os seus proxectos a través de pequenas entrevistas. Das preguntas máis soadas están: se estamos centradas nalgúns sectores ou actividades específicas, para a cal a resposta é non, xa que estamos abertas a calquera tipo de actividade emprendedora. Tamén se interesaron polo lugar onde vamos levar a cabo as actividades da comunidade, ao que contestamos que nas principais cidades de Galicia e norte de Portugal.

Seguides algún tipo de criterio para a selección de poñentes?

Centrámonos sobre todo en dúas cousas: a primeira, que o tema a tratar sexa de interese e lle poida axudar ás emprendedoras, buscando a aplicabilidade do tema aos seus proxectos; e a segunda, que teñan unha traxectoria empresarial ou unha idea de negocio destacada, para que lles poida servir de inspiración ou de guía ás demais.

‘Que hai moito talento feminino por estes lados do ocêano é xa unha realidade, e nós queremos axudar a divulgalo’

De cara ao futuro, a vosa idea é continuar co proxecto?

Claro! A idea de Mulleres Atlânticas principiou a comezos de ano e desde aquela xa estivemos presentes en tres eventos nas cidades de Vigo, Pontevedra e, agora, na Coruña. Pretendemos seguir impulsando a comunidade por máis cidades do noroeste da Península. Que hai moito talento feminino por estes lados do ocêano é xa unha realidade, e nós queremos axudar a divulgalo tecendo unha rede de mulleres con sal nas veas.

Compartir artigo