Revista Punto

2018-04-18T08:56:35+00:00 Opinión

Mobilidade sostible sen fronteiras

Sostibilidade
Inês Gusman
Inês Gusman
4 Abril, 2018
Mobilidade sostible sen fronteiras

Os pasos fronteirizos existentes entre Galicia e o Norte de Portugal rexistran case a metade dos movementos diarios de vehículos lixeiros entre os Estados de España e Portugal. En 2015*, dos 69.000 vehículos que, de media, cruzaron diariamente esta fronteira entre os dous países, 33.000 utilizaron os pasos galegos. Este número representa máis do dobre dos 14.000 que pasaron polos pasos centrais que ligan as capitais de Lisboa e Madrid. Por un lado, estes números ilustran a vitalidade das relacións entre Galicia e Portugal. Por outro, alértannos do gran número de persoas que utiliza o vehículo privado para cruzar a fronteira.

Que facer para diminuír o impacto ambiental desta relación transfronteiriza e aumentar o número de persoas que cruzan a nosa fronteira? Necesitamos crear condicións para unha mobilidade eurorrexional colectiva e non forzosamente individual.

Esta realidade non é nova. Dentro dos territorios de Galicia e do Norte de Portugal a mobilidade fíxose case sempre con naturalidade. Aínda que durante moito tempo o río Miño foi unha barreira difícil de vencer e que as fronteiras estiveron pechadas durante moitas décadas por causa das ditaduras do século XX, a poboación desprázase desde hai moitos séculos dun lado a outro da fronteira. Os motivos para estes fluxos están relacionados co feito de que a xente encontra respostas para moitas das súas necesidades económicas e sociais cruzando a fronteira.

Actualmente, somos varias as persoas que a cruzamos frecuentemente por motivos semellantes aos dos nosos antepasados. Son moitas as persoas investigadoras, estudantes e docentes que se desprazan entre as seis universidades públicas do espazo da Eurorrexión de Galicia e do Norte de Portugal. Tamén as empresas portuguesas e galegas intensifican as relacións e no sector cultural, son varios os eventos que xuntan artistas galego-portugueses. A isto súmanse os visitantes que, atraídos polas riquezas do noso territorio, se moven dentro da eurorrexión. E como cruzamos a fronteira? Maioritariamente en transporte individual.

Hoxe en día non temos moitas máis opcións. O transporte público existente é caro, lento e pouco funcional. Entre Vigo e Oporto existen dous trens diarios (a primeira hora da mañá e a última hora da tarde) e dous buses. Se aumentamos un pouco a distancia, entre A Coruña ou Santiago de Compostela e Oporto ou Braga non hai ningún tren e só hai un bus diario, con prezos inaccesibles para quen viaxa con frecuencia. Ademais, o tempo de desprazamento de todos estes transportes case se duplica cando se compara co automóbil. Así, as plataformas para compartir vehículo privado son, moitas veces, a única solución para as persoas interesadas en tornar as súas viaxes máis lixeiras, baratas e sostibles, aínda que practicando algún tipo de ilegalidade.   

Na eurorrexión hai condicións para crear unha estrutura transporte colectivo que contribúa a un espazo máis integrado. Temos infraestruturas, como autoestradas e liñas de ferrocarril, e temos persoas, empresas e cultura interesadas en moverse neste espazo. Ademais, a nivel urbano, temos cidades que apostan pola mobilidade sostible, en bici ou en transporte público, e limitan o espazo dos vehículos privados. Que nos falta? Coordinación política e administrativa e investimento para que a forma máis doada de movermos pola eurorrexión sexa colectivamente. Con isto podemos conseguir que a factura ambiental das marabillas da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal deixe de ser tan elevada.

*Secretaría Xeral de Transporte; Ministerio de Fomento (2017) “Observatorio transfronteirizo España-Portugal (OTEP)”

Sobre a autora

Doutoranda no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

Compartir artigo