Revista Punto

2018-04-10T11:11:44+00:00 Descubrir, En Destaque, Lifestyle

Miradoiro do Campo da Rata

Para visitar polo menos unha vez na vida

Foto: @Ryanair_ES

Filipa Santos Sousa
Filipa Santos Sousa4 Abril, 2018
Miradoiro do Campo da Rata
Para visitar polo menos unha vez na vida

Un banco de madeira e unha das panorámicas máis impresionantes de Galicia son suficientes para sentir o mundo aos seus pés. Localizado na cima dun monte de Cedeira, no municipio de Redondela, o miradoiro do Campo da Rata ofrece aos visitantes unha auténtica excursión pola ría sen saír do sitio. Unha paisaxe digna de asumirse como musa do mellor dos poetas.

Todo comezou en 2015 coa instalación dun banco de madeira, idea dun habitante da redonda. No cume do monte, entre flores e rochas, faltaba algún obxecto que permitise a contemplación dunha das paisaxes máis fermosas que se pode ver en Galicia. Nun principio, a nova construción humana causou sorpresa, pero rápidamente tanto locais como visitantes déronse conta da pertinencia e astucia do artesán, arrependíntose incluso de non ter sido os autores desta increíble proeza. Esculpido con amor e cariño, a simplicidade da obra rivaliza coa nobreza da vista que ostenta. Coas Rías Baixas aos seus pés, poderá observar, admirar e sentir a esencia das augas galegas, mergullarse no seu azul cristalino e retomar a terra coa alma renovada.

Situado no municipio pontevedrés de Redondela, o Miradoiro do Campo da Rata está agora en estreita ‘competición’ co coruñés de Ortigueira, polo título de “mellor banco do mundo”. Se un ofrece a posibilidade de navegar pola ría de Vigo ata a enseada de San Simón, o outro permite vistas desde o Cabo de Estaca de Bares ata o Cabo Ortegal. En calquera caso, cada un deles merece ser visitado por xente galega e forasteira apaixoada pola nación de Breogán.

Hoxe en día, a demanda é tan alta que se forman colas: moitos anseiam pola nova fotografía de perfil para actualizar as redes sociais; outros tantos apenas desexan asomarse polo espectáculo natural envolvente. Por iso, tendo en conta o potencial ‘tránsito’ de visitantes, convén ir o máis cedo posible en días de verán. É igual de importante que a vontade de coñecer tan afamado lugar non tropece coa falta de civismo. Se vai rexistrar o momento coa cámara, fágao, pero evite demorar toda a tarde. Polo contrario, se a súa intención é escribir ou pintar en homenaxe ao cadro que está vendo, entón é mellor escoller unha altura menos propensa á afluencia de veraneantes.

Non deixa de ser interesante como este banco, estratéxicamente colocado no cimo dun monte, se volveu tan famoso. As fotografías compartidas en redes sociais converteron o Miradoiro do Campo da Rata case nun fenómeno viral. A isto, seguiron mesmo algúns actos de vandalismo. De feito, este pequeno símbolo humano nun mar de natureza tivo que reerguerse, cal Fénix das súas cinzas, para tomar o que é seu por dereito: unha das panorámicas máis espectaculares de Galicia. Segundo o sitio web Trivago, este é un dos 30 lugares imprescindibles para visitar en España polo menos unha vez na vida, e nós non podiamos estar máis dacordo.

Compartir artigo