Revista Punto

2018-10-17T10:29:54+00:00 Cociñar, Lifestyle

La Galiciana: O primeiro espazo gourmet de Galicia

Paula Vázquez
Paula Vázquez2 Outubro, 2018
La Galiciana: O primeiro espazo gourmet de Galicia

É o lugar de moda en Compostela. Un espazo singular, moderno, que mestura produto galego, calidade e boa imaxe para ofrecer ao visitante un novo concepto gastronómico que xa funciona desde hai uns anos noutras cidades españolas.

Situado na antiga ferraxería Villaverde, na céntrica rúa compostelá Gómez Ulla, La Galiciana convértese, así, no primeiro mercado gastronómico galego. Cun aforo para case 400 persoas, este novo espazo gourmet ten horario ininterrompido, e está aberto de luns a domingo de 12.00 a 00.00 horas, se ben os venres, sábados e domingos o peche alóngase ata as 02.00 horas.

A distribución de La Galiciana xira entorno a un patio central, con mesas corridas e cadeiras. En canto ás propostas culinarias, na entrada atopamos unha xeadería artesá, unha tenda de produtos gourmet, outra de embutidos, unha vinoteca e unha foodtruck de café. Se seguimos avanzando, a parte central confórmana oito locais de comida elaborada e variada: lacón, comida vegana, patacas fritas, tortillas, sushi á galega, pizzas… e o gran reclamo do mercado: a polbeira capitaneada pola Estrela Michelín Manuel Domínguez. A cervexería artesá de Estrella Galicia destaca tamén neste espazo central, cunha carta de 28 cervexas. Xa na parte superior, atopamos unha coctelería que dá a un corredor-balcón con sitio para sentar.

En canto á decoración, mestúranse elementos da cultura popular galega, como as conchas do teito, con tendencias máis actuais como a fachada do propio mercado, que presenta o primeiro mural de Sargadelos.

Compartir artigo