Revista Punto

2018-06-06T07:54:25+00:00 Opinión

Maxia e Corea

A improbable influencia de García Márquez no cine coreano
Pablo Dorado
Pablo Dorado6 Xuño, 2018
Maxia e Corea
A improbable influencia de García Márquez no cine coreano

Creo que ninguén se ofenderá se digo que todas as adaptacións das novelas do realismo máxico latinoamericano ao cine foron un absoluto fracaso. A única excepción sería Pedro Páramo de Juan Rulfo adaptada por Carlos Velo en 1967, pero case todos os cineastas que o tentaron remataron convertendo cumios da literatura en filmes mediocres. É honesto dicir que se hai un autor que foi maltratado cando foi levado á gran pantalla, ese sen dúbida é Gabriel García Márquez.

Lembraredes como as marabillosas palabras que puxo na boca do seu Florentino Ariza de O amor nos tempos do cólera resultaban case de vergoña allea interpretadas por Javier Bardem na película de 2007. Tamén algunha vez vos destes conta que se tratades de resumir o argumento de moitas das súas novelas tan maxistralmente narradas, o que sae non é moi diferente do dunha telenovela de sobremesa. Significa que o realismo máxico non pode ser trasladado ao cine? Non, pero curiosamente os mellores exemplos de esas historias aparentemente normais que conseguen que aceptes como naturais pequenos detalles inverosímiles, non veñen de Latinoamérica nin de Hollywood, senón de Corea do Sur.

Non teño nin idea de se o boom da literatura latinoamericana chegou tan lonxe pero hai moitos paralelismos. O máis coñecido é Park Chan-wook, o director de Old-Boy, que xa introducía detalles máxicos no seu filme máis popular e nas outras dúas partes da triloxía da vinganza. A súa película de 2006 I´m a cyborg podería ter sido guionizada polo mesmo García Márquez se tivese algún interese na cibernética. Conta a historia de Young-goon e Il-soon, dous pacientes dun psiquiátrico. Ela pensa que é un cyborg e rexeita todo tipo de comida e sobrevive lamendo pilas, e el ocúltase todo o tempo detrás dunha máscara.

Se ben en Old Boy o ambiente era opresivo e escuro e todos os elementos máxicos tiñan un aspecto sinistro, en I´m a cyborg son luminosos e toda a película desprende unha candidez que a achega aínda máis á literatura latinoamericana. Outro clarísimo exemplo é Welcome to Dongmakgol (2005) de Park Kwang-hyun. Neste filme asistimos á historia de tres soldados surcoreanos, dous norcoreanos e un americano que durante a Guerra de Corea perden os seus respectivos batallóns e van a parar a Dongmakol, unha aldea totalmente illada do mundo vive nun estado de inocencia no que non coñecen o que é a guerra nin as armas.

As coincidencias con Macondo son obvias. Outra vez a inocencia e a candidez ante o descoñecido, novo e máxico para os personaxes é asumida naturalmente polo lector/espectador que racionalmente sabe que o que está a acontecer na historia non pode ser certo. Macondo estaba perdida nun lodeiro nun tempo tan antigo que aínda non lle puxeran nome a moitas cousas ou tivo que agardar ata que unha caravana de xitanos lles mostrara con irregular frecuencia os adiantos do mundo moderno, Dongmakol tivo que esperar que seis soldados aparecesen no monte para coñecer a guerra. Por suposto, nos dous casos esa perda da inocencia marcará un desenlace que mellor non revelar para aqueles que non teñan lido a novela ou visto a película.

Por último, pode que non cunha influencia tan directa, pero a que mellor recolle o espírito de todo o realismo máxico, non tanto de García Márquez en concreto, é Castway on the moon (2009) de Lee Hey-jun. Unha verdadeira delicia do cine que non podo parar de recomendar porque é unha obra mestra a todos os niveis. Con moi poucos elementos, dúas localizacións case únicas, dúas personaxes e moi pouco diálogo consegue contar unha fermosa e emocionante historia, que por outro lado pode lembrar a Relato dun náufrago.

Un home salta dunha ponte para suicidarse e acaba nunha illa artificial, desas que se constrúen como alicerce para as pontes. Dende alí pode ver a cidade pero non pode chegar a ela, así que decide sobrevivir. Pensa que ninguén sabe que está alí pero unha rapaza hikikomori que vive recluída no seu cuarto sen ningún contacto social, atópao por casualidade e entre os dous vaise establecer unha relación, como non, máxica.

Compartir artigo