Revista Punto

2018-11-23T15:11:31+00:00 Compás, Lifestyle, Radar

Marrakech: a cidade vermella

Fotos: ©Paula Vázquez.
Paula Vázquez
Paula Vázquez8 Novembro, 2018
Marrakech: a cidade vermella

Tamén coñecida como a cidade vermella pola cor coa que están construídos a maioría dos seus edificios, Marrakech enfeitiza a todo aquel que se atreva a camiñar polas súas rúas. Se amas os contrastes, a beleza, a algarabía da xente, a vida en movemento… este é o teu destino! Esta cidade marroquí deixarate sen fala!

En Marrocos hai catro cidades imperiais: Rabat, Fez, Meknes e Marrakech. Nesta última a parte antiga foi declarada Patrimonio da Humanidade e converteuse co paso dos anos nun dos máis importantes destinos turísticos do norte de África. A Medina ou cidade antiga está rodeada dunha muralla ou Kasbah, dentro da cal se atopa o lugar máis coñecido: a Praza de Jamaa el Fna, centro neurálxico da cidade, cunha continua e trepidante actividade. Aquí sucédense mercados, cafés, vendedores ambulantes, músicos e encantadores de serpes facendo que a calquera hora do día ou da noite atopemos cousas que ver ou facer.

Ao lado desta praza atópase a zona do Zoco, onde se pode atopar artesanía, comida ou roupa. Os vendedores agrúpanse por souks (zocos) nos que cada un deles vende un tipo de produto. Os marroquís son expertos vendedores e, para eles, cada venta é unha especie de negociación. Se entras a unha tenda posiblemente che invitarán a tomar un té de menta, pero non só para beber, senón tamén para negociar. Se aceptas, serviranche o té e beberán contigo, para logo ensinarche a mercancía e, posteriormente, pedirche que apuntes canto queres pagar polo que vas mercar. Así, o vendedor apuntará debaixo da oferta e así sucesivamente ata que cheguedes a un acordo. Deste xeito, considérase unha descortesía entrar a negociar se non se vai comprar nada, polo que neste caso é preferible ser moi claro desde o principio e non aceptar o té.

Moi preto da Praza de Jamaa el Fna está a mesquita máis importante da cidade, a Mesquita Koutoubia, do século XII, que, coma o resto dos edificios, está feita de arsenica vermella. Tamén gozan de importancia a Madrasa e Mesquita de Ben Youssef, na praza que leva o mesmo nome. Esta mesquita é a máis antiga de Marrakech e entorno a ela construíuse a Medina, no século XII, aínda que o edificio actual é do XIX. A Madrasa, que era unha antiga escola de ensinanzas coránicas, está ao lado da mesquita. Esta construción, que data do século XIV, está aberta ao público e destaca polo seu patio decorado cun estanque no medio.

O Palacio Real tamén está dentro da Medina, aínda que non se pode visitar, xa que é para o goce privado da Familia Real. Si se poden visitar outros palacios como son os restos do Palacio El Badi, o Palacio de la Bahía, situado na barrio xudeu de Mellah, ou o Palacio Dar el Bacha. Ao lado do Palacio Real, poderás ver as Tumbas Saadíes, onde se atopan enterrados os sultáns e familiares da dinastía Saadí. Estas tumbas, que están decoradas con mosaicos, salváronse de ser destruídas polo medo dos gobernantes posteriores ás consecuencias do sacrilexio, cousa que non ocorreu co Palacio El Badi, por exemplo.

Xa fóra da Medina, tamén hai cousas que visitar, como os Xardíns de Menara ou a Villa o Xardíns Majorelle, propiedade de Yves Saint Laurent desde o ano 1980.

Ademais, se queres vivir unha experiencia de inmersión total na cidade, podes aloxarte nun dos moitos riads, que son casas típicas que contan cun patio interior e están situadas dentro da Medina. Estas casas teñen fontes no centro do patio, están decoradas ao estilo tradicional, con mosaicos e adornos mouriscos, e permitiranche gozar do ambiente máis xenuíno de Marrakech, a só uns pasos dos lugares máis bonitos da cidade.

Compartir artigo