Revista Punto

2018-11-20T12:17:28+00:00 Cultura, Radar, Talento

María Rivero: “A idea da deriva fai referencia a calquera proceso artístico”

Foto: ©Coralie Yep-Chine
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro9 Novembro, 2018
María Rivero: “A idea da deriva fai referencia a calquera proceso artístico”

Na mostra “Derivas vitais. Camiños irregulares”, de María Rivero, actualmente no espazo de arte Os Catro Gatos de Santiago de Compostela, ata o 14 de novembro, atopámonos con escultura, obra gráfica, como gravados e debuxos, e caixas, que son como “un punto de transición entre a obra gráfica e a obra escultórica, cun formato máis de libro de artista e libro obxecto”, segundo nos comenta a propia artista.

“A idea da deriva fai referencia a calquera proceso artístico. Ti tes unha idea, pero logo chegas a algo diferente e dun xeito diferente ao que te imaxinabas. É ir un pouco á deriva, sabes o que queres pero non sabes como vas chegar a iso”. Na serie das caixas, cada unha delas está baseada nunha ‘deriva’. “A dos ‘Desobxectos’, por exemplo, reúne obxectos que atopei no meu traxecto dende Laraño ata Santiago (cando vivía alí), e nun mapa está marcado onde atopei cada un deles. Cada obxecto está acompañado por un gravado ou monotipo que lle cambia o sentido orixinal. Este proceso está tamén baseado nunha deriva, neste caso un camiño pautado, pero que outras veces pode ser froito do azar”.

No caso dos debuxos e gravados, hai algúns que a artista fixo desde hai case dez anos ata agora. En cambio, a obra escultórica está feita nos últimos anos, desde que está en Santiago. As obras son todas de pequeno e medio formato, e as caixas, de feito foi o proxecto que presentou á galería, xa que é algo que se adapta moi ben polo seu tamaño: “É algo que funciona xenial, a medio camiño entre o gráfico e o escultórico”.

María ten un taller na súa casa e alí traballa nas súas creacións. “Boto un pouco de menos traballar nun espazo con máis xente. É moi enriquecedor. En Madrid traballaba nun taller con varios amigos e sempre que tiñas algunha idea e non sabías moi ben por onde tirar, podían botarche unha man ou darche unha opinión”.

Cando comezou a carreira de Belas Artes o que máis lle atraía era a pintura. “Sempre dixen que nunca faría escultura, logo que nunca faría relevo… Ao final vaste atopando cos recursos que necesitas para expresar o que queres contar”. Sen embargo, a base de aprender, deuse de conta de que a escultura era o que máis lle gustaba e o que mellor se lle daba, e proba disto, a súa exposición “Derivas Vitais. Camiños Irregulares”.

Fotos: ©Coralie Yap-Chine

Compartir artigo