Revista Punto

2018-06-06T14:04:25+00:00 Cultura, Historias

Maria João Pires

A "antidiva"
Lisardo García
Lisardo García5 Xuño, 2018
Maria João Pires
A "antidiva"

A Maria João Pires considérana a mellor pianista do mundo, pero encarna o símbolo da antidiva. Despreza o culto á personalidade e foxe da fama, das promocións e das entrevistas nos medios de comunicación. Eu tiven que esperar oito meses para entrevistala e poder realizar unha reportaxe sobre esta maxistral pianista para Televisión Española. En xuño de 2006 recibiunos na súa casa de Belgais, situada na rexión de Castelo Branco, nunha zona rural e deprimida polo fenómeno da emigración das súas xentes. Alí creou un lugar máxico e alternativo para experimentar un novo concepto de ensinanza artística baseado na liberdade, a imaxinación e a creatividade, á marxe de calquera tipo de convencionalismo.

O Centro Belgais, creado no verán do 2000, estaba orientado principalmente a facilitar unha educación experimental a través das Belas Artes aos nenos e nenas da zona, na súa maioría fillos de campesiños. “Interésame a idea de introducir celas creativas dentro da sociedade, de zonas desfavorecidas e traballar con nenos pequenos porque a educación ten unha importancia esencial na que logo será a súa vida de adultos. Ser artista significa ser imaxinativo, ser creativo, significa intentar a través da acción creativa unha harmonía, e creo que todo o proxecto de Belgais se construíu un pouco sobre esa idea, que é non ver a arte como algo que está nos auditorios ou nos museos, ou nas galerías, senón como algo que pertence á vida cotiá”.

Tras uns anos nos que Belgais foi un lugar de encontro de artistas de todo o mundo, amigos da pianista que impartían seminarios e concertos de forma altruísta, Maria João Pires non encontrou o apoio suficiente por parte da Administración portuguesa para manter vivo o Centro de Belgais e potenciar o seu crecemento e, decepcionada, tivo que abandonar o seu soño tras convertelo en realidade. Aos que compartimos con ela aquel modelo de ensinanza e de vida doeunos o seu amargo final. De igual maneira, aos que tamén a admiramos como pianista, sorprendeunos e entristeceunos a noticia recente de que Maria João Pires abandonaba os escenarios, anulaba as xiras concertadas como concertista de piano e, en definitiva, daba por finalizada a súa carreira como artista. Unha noticia que me fixo recordar algo que ela tiña claro: “Intento non estar ligada ás cousas materiais, así que se tivera que deixar Belgais, deixo Belgais, se tivera que deixar de tocar, deixo de tocar o piano. Gústame sentirme libre das cosas que eu mesma creei”.

Maria João Pires, pianista.

‘Compartir’ é a súa palabra favorita. Cre que a nosa sociedade padece de individualismo, que a cultura actual é só un obxecto e que o home de hoxe perdeu a capacidade de construír, entre outras cousas, por falta dunha certa disciplina. A súa esperanza é que o home se recupere grazas á arte, e para iso confía no poder curativo da música: “Non existe creatividade sen disciplina. Así que o concepto da creatividade no caos, en facer o que se queira, e segundo veña a imaxinación, e a imaxinación exaltada, todo iso son ilusións, paréceme a min”.

Coa auréola de seria e inadaptada, non pode ocultar a unha muller entrañable e extremadamente sensible. O seu corpo aparentemente fráxil, alberga unha forte vontade. Recórdoa introvertida, nada vaidosa e transmitindo unha tenrura natural, renegando das viaxes, soñando con abandonar os concertos e as gravacións musicais, detestando as grandes cidades e adorando a natureza e a vida no campo. Nacida en Lisboa en 1944, comezou a tocar o piano aos 3 anos e deu o seu primeiro concerto en público aos 5, pero nunca se considerou nena prodixio, porque ela é sinónimo de “nena infeliz”. Aos 16 graduouse no Conservatorio de Lisboa e a partir de 1960 amplía coñecementos cunha bolsa en Alemaña. Xa nos 70, os concertos, as gravacións e a fama. O seu repertorio non é moi amplo, pero si selecto: Mozart, Beethoven, Chopin e sobre todo Schubert, a quen considera o seu amigo íntimo. Toda unha vida sobre os escenarios, lograron que os concertos lle aburriran e que deixara de crer na maxia do directo. “Creo que o público e os artistas deben estar en interacción interior, non debe haber polos de poder en ningún lado. Debe haber circulación de enerxía, moito máis que un poder; un é poderoso e os outros caladiños, e se tosen estanse portando mal; se fan ruído critícaselles e o solista é todopoderoso; paréceme demasiado esaxerado, moi egocéntrico e moi perigoso”.

Tan importante é a técnica como a imaxinación para esta gran pianista de mans pequenas, que adora a compositores aos que non pode interpretar: “Hai compositores aos que non podo tocar porque as miñas mans son pequenas, así que escóitoos, é o mesmo. O repertorio ten que adecuarse ao noso corpo, non só ás mans. Un pianista non só ten mans, ten un corpo completo, un espírito e un cerebro. Creo, por exemplo, que as mans poden chegar a ter menos importancia para un pianista que as pernas.” No pequeno corpo desta extraordinaria pianista vive unha gran muller, que con diferentes compañeiros tivo catro fillas e un neno en adopción. O meu recordo é o dun privilexiado que a viu tocar o piano entre aciñeiras e sobreiras, inclinando o seu corpo sobre o teclado ao mesmo tempo que murmuraba as notas de Schubert, entre un coro de chicharras en Belgais.

Nunca quixo facer plans para o futuro e cando lle preguntei por eles, recordoume a frase dun filósofo que dixo: “Non fago plans para o futuro porque non quero estragar os plans que a vida ten para min”.

Sobre o autor.

Xornalista e realizador de TV.

Compartir artigo